Cosma invertirá 332.743 nos traballos de ampliación da rede de saneamento no lugar de Os Vilares, na zona do Val

O Consello de Administración da empresa mixta de augas do municipio, Cosma, aprobou na mañá deste venres a adxudicación das obras de ampliación da rede de saneamento no lugar de Os Vilares, na parroquia do Val. A instalación da rede de colectores nesta zona realizarase en dúas fases, tal e como apuntou a presidenta de Cosma e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que suporán un investimento, indicou, de 332.743 euros. Un total de cinco empresas presentaron as súas ofertas, se ben finalmente a firma Sociedad Española de Aguas Filtradas SA foi a que obtivo unha mellor puntuación “e ofrecendo unha serie de melloras valoradas económicamente en algo máis de 100.000 euros”, tal e como apuntou a presidenta do organismo.

Cos traballos a executar nos vindeiros meses darase servizo de saneamento a un total de 66 vivendas do lugar de Os Vilares, se ben a previsión para implantar este servizo coas obras a executar permitirá alcanzar as 89 vivendas, traballando deste xeito coa previsión de que no futuro se inicien novas construcións”, explicou Ferreiro.

Na primeira das fases dos traballos procederase a instalar 1.624 metros de colector, se ben no segundo tramo se instalarán 1.207. “Hoxe demos luz verde á licitación duns traballos que permitirán ampliar a rede de saneamento no noso municipio, concretamente na zona rural, avanzando deste xeito no Plan de Investimentos de Cosma para o período 2018-2023”, apuntou Ferreiro. Sobre este plan, a presidenta de Cosma recordou que “o investimento global deste plan ascende a 2.605.768 euros”. Con cargo a esta partida está rematada a primeira fase e a piques de rematar a segunda das obras de ampliación da rede de saneamento en Cima de Vila (O Val); rematouse o reforzo de abastecemento das parroquias de Castro, O Val e San Xiao; executaranse as obras hoxe adxudicadas no Consello de Administración de Cosma no lugar de Os Vilares e prevese o reforzo da rede de saneamento na estrada de Castela; a renovación de redes na do Feal (no vial da Deputación e no do Concello), a ampliación da rede de saneamento en Outeiros (O Val) e tamén a ampliación no Salgueiral (Sedes).

Lea también

Narón convértese no corazón do fútbol base galego co Campionato de Seleccións comarcais

As instalacións municipais de Río Seco, Narón, serán este martes de Entroido o punto de …