A candidata de Terra Galega á Alcaldía de Narón e actual alcaldesa, Marián Ferreiro, iniciaba o pasado luns en Xuvia, acompañada por integrantes do equipo de TEGA na cidade, o ciclo de xuntanzas veciñais “Xuntos/as decidimos. Somos barrios e parroquias”. No transcurso destas reunións, concebidas para escoitar ás veciñas e veciños, o partido aposta por recoller as diferentes propostas de futuro das veciñas e veciños de Narón para a cidade.
A reunión mantida en Xuvia celebrouse ás 20.30 horas no local social da parroquia e o martes tiña lugar unha segunda xuntanza, a esa mesma hora, no local social de Freixeiro. As reunións continuan este mércores, ás 20.30 no local social da Gándara, dando por pechadas así as programadas para esta semana. A vindeira semana terán lugar as previstas o luns día 18 no local social de Sedes, ás 20.30 horas; o mércores día 20 ás 20.30 horas no local social do Val e, por último, o venres día 22 ás 20.00 horas no local social de Santa Icía, tal e como avanzou Marián Ferreiro.
“Nestas xuntanzas veciñais falamos coas persoas que asisten ás mesmas do traballo realizado por TEGA nos últimos anos pero consideramos que tamén representan unha gran oportunidade para poder dialogar coa veciñanza e coñecer de primeira man calquera proposta que desexen plantexar de cara a seguir transformando Narón na cidade que todas e todos queremos”, subliñou Ferreiro. A candidata de TEGA incidiu en que “percorreremos todos os barrios da zona urbana e as parroquias do núcleo rural para traballar nun proxecto ilusionante, de futuro e integrador” e explicou que “desde Terra Galega consideramos primordial escoitar ás nosas veciñas e veciños, tal e como vimos facendo ano tras ano con estas xuntanzas, e facelos partícipes do futuro desta oitava cidade de Galicia”.
Ferreiro asegurou que as reunións celebradas esta semana tiveron moi boa acollida, e agradeceu a resposta cidadá ás convocatorias de TEGA. Así mesmo, a candidata do partido animou a tódalas veciñas e veciños a asistir ás reunións que se celebrarán nos vindeiros días na localidade “para que todas e todos teñan a oportunidade de transmitirnos todo aquilo que consideren oportuno sobre a cidade, para analizar a súa viabilidade e, entre todos seguir avanzando e deseñando xuntos o futuro de Narón”.
Señora alcaldesa, e logo non nos vai dar un asfaltadiño as calles, coma cada catro anos?.