A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, deron a coñecer na mañá deste venres a programación do Padroado para os meses de abril e maio. Actrices e actores como Lola Herrera, Juan Echanove, Alberto San Juan, músicos como o galego Xoel López, e o afamado musical Remember Queen forman parte desta nova programación. As entradas poden adquirilas desde hoxe os abonados ao Pazo e a partir do 28 deste mes poranse á venda para o público xeral, tal e como anunciou a alcaldesa. Ferreiro destacou a calidade da programación dos meses de abril e maio “entre a que contaremos coa presencia de profesionais do teatro, da música e da danza con propostas para todos os públicos das que animamos a desfrutar nas instalacións do Pazo á cidadanía en xeral”.
Mes de abril
O cómico galego Luís Piedrahíta abrirá a programación do mes de abril no Pazo, o día 5 ás 20.30 horas, co monólogo «Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas«. Piedrahíta chega a Narón da man da compañía Etiqueta Negra con este monólogo de case hora e media de duración e cargado de humor. O artista coruñés trae este show, centrado nunha filosofía de vida propia, no que se aborda o tema da espera e donde o público cobra un importante papel.
O día 6 de abril será o turno do músico coruñés Xoel López, que a partir das 20.00 horas reivindicará a través de «Sueños y Pan o pan para poder soñar e construír un novo espazo«. Trátase do terceiro traballo en solitario de López e o décimo cuarto da súa carreira musical. Neste último disco, con un total de dez cancións, combínanse diferentes estilos musicais, froito dunha nova etapa deste músico, que fará desfrutar ao público desde o inicio do concerto.
O día 12 de abril poderase ver o musical Remember Queen, da compañía Tertulia Producción. A partir das 21.00 horas dará comezo este espectáculo, cun gran éxito de acollida e que chega a Narón cunha renovada posta en escena, para ofrecer unha especial homenaxe á figura de Freddie Mercury e ao seu legado musical. O público terá a sensación de estar vendo a Queen en directo, ao coidarse ao mínimo detalle toda a posta en escena, que recorda á xira do 86, a última de Queen con Freddie Mercury en vida.
A primeira representación teatral desta nova programación chegará o día 13 de abril coa compañía Teatro del Barrio, que representará a obra «Mundo obrero». A partir das 20.00 horas o elenco desta peza do xénero político musical, entre cuxo elenco están os actores Alberto San Juan, Luis Bermejo, Pilar Gómez e Marta Calvó, subirase ao escenario remontándose aos anos 20 do século pasado. Nesa época, e no café La Tranquilidad, en Barcelona, todo comeza cando un mendigo pide unha moeda a un home e este lle ofrece unha pistola para que vaia ao banco e saque o que precise. A cafetería convertirase en diferentes espazos nos que os actores e actrices experimentarán vivencias cotiás.
Tamén no mes de abril, o día 14, chegará ao Pazo a compañía Galitoon, que representará unha obra de teatro xestual, «Facendo o indio», para público familiar e infantil, ás 18.00 horas. Este espectáculo conta o modo de vida dos indios americanos e fai un repaso pola cultura desas tribos, centrándose na dos coñecidos como “pesgrandes”, que intentan non extinguirse e loitan contra o seu peor inimigo, eles mesmos.
Continuará a programación o día 27 de abril, coa obra de teatro contemporáneo «Hablar por hablar«, da compañía Pentación. Ás 20.00 horas comezará no Pazo esta representación, inspirada nas historias en primeira persoa de oíntes do programa do mesmo nome na Cadena Ser. Estas historias rematan sendo un pouco de todos os que as escoitan, a modo de cómplices deses feitos.
Mes de Maio
Os actores Juan Echanove e Ricardo Gómez abrirán a programación do mes de maio, o día 3 ás 20.30 horas, como protagonistas da obra «Rojo«, da compañía Teatro Español. Un dos grandes representantes do expresionismo abstracto, Mark Rothko, enfróntase a un reto profesional e, ao tempo, un dilema ético, o de pintar uns murais ben pagos para decorar un elitista restaurante de New York. A trama desenvolverase baixo a atenta mirada do seu mozo e axudante.
A música voltará o día 4 de maio ao Pazo coa banda madrileña Morgan, da que forman parte Paco, Ekain e Nina. Tocarán temas do su último traballo, Air, cunha decena de cancións nas que priman diferentes estilos: rock, folk, soul, O segundo traballo deste grupo revelación dos últimos tempos do panorama indie poderá escoitarse no concerto que comezará ás 20.00 horas.
Seguirá a música o día 5 de maio con Udra Producións, que trae ao Pazo o espectáculo Rock en familia: descubriendo a AC/DC. O público poderá gozar deste concerto da música en directo e descubrir as cancións dos artistas e grupos máis importantes do pop e do rock da historia. A través de contacontos e das mellores bandas poderase asistir a partir das 18.00 horas a esta sesión de rock no Pazo a través da música de AC/DC.
A actriz Lola Herrera tamén estará no Pazo en maio, concretamente o día 11, donde protagonizará un dos espectáculos da compañía Pentación: «Cinco horas con Mario«. A historia remóntase a marzo de 1966 e protagonízaa unha muller, Carmen Sotillo, que perde ao seu marido, Mario, dun xeito inesperado. Cando queda soa velando o corpo do defunto, Carmen inicia un monólogo-diálogo con el no que da a coñecer as súas personalidades e os conflitos do matrimonio.
O sábado, día 18, ás 20.00 horas representarase no Pazo a obra «Commedia«, da compañía Contraproducións. Víctor Mosqueira, César Goldi, e Nuria Sanz forman parte do elenco desta peza, escrita por Cándido Pazó e Carlo Goldoni e que se convertiu nun dos fitos do teatro galego. Arlecchino é o protagonista, que encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e pensa que o engana, aínda que a carta non era para ela. A piques de poñer fin á situación escoita unha voz que lle da a el un anel máxico e fai que esqueza todo, aínda que esquecerá moitas máis cousas, o que dará paso a divertidos equívocos e enxeñosos enredos.
Finalmente, o día 25 de maio a compañía Roi Casal protagonizará o espectáculo musical «Son galego, son cubano», un show con letras de Neira Vilas e cunha coidada posta en escena. Roi Casal traballou co xornalista e poeta pontevedrés Xosé Neira Vilas neste espectáculo ata que este último faleceu, no ano 2015, co que finalmente Son galego, son cubano considérase unha homenaxe ao propio Neira Vilas e á emigración galega en Cuba. A cita será a partir das 20.00 horas