Este sábado, inaugurada a XV Mostra da Camelia Cidade de Narón.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu , ás 17.00 horas, na tarde deste sábado, a inauguración da XV Mostra da Camelia Cidade de Narón. O Concello colabora coa Asociación Galega da Camelia neste evento, que inclúe este ano o undécimo Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón. O presidente e o secretario da citada asociación, Edmundo Novoa e Manuel Pico, respectivamente, acompañaron a Ferreiro na apertura oficial da Mostra, que se poderá verse hoxe domingo de 10.00 a 18.00.

Unha trintena de expositores

Unha trintena de expositores participaron este ano na Mostra da Camelia, procedentes todos eles de concellos galegos, entre eles o de Narón e outros da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e tamén de Boiro, Vilagarcía, Cuntis, Vigo…. Os cultivadores dos camelios cuxas flores se poden ver esta fin de semana nunha das plazoletas centrais da planta baixa de Odeón comezaron a preparar as composicións esta mañá, ás 9.00 horas, e ao mediodía, un xurado formado por varios profesionais nesta área, valorou os mellores exemplares. Xa pola tarde, trala inauguración oficial da Mostra procedeuse á entrega dos premios que se concedían nas diferentes modalidades e que entregaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, o presidente da Asociación Galega da Camelia, Edmundo Novoa, e outros representantes tanto da corporación local naronesa como da citada asociación.

O premio ao Mellor cultivador foi para Abelardo Barcala, de Vilagarcía; á Mellor Camelia japónica para Begoña Franco, de Boiro; á Mellor flor miniatura para Zoraida Pérez Calo, de Boiro; á Mellor composición artística para Abelardo Seoane, de Fene; á Mellor Camelia reticulata para a Asociación Poza da Moura, de Domaio (Pontevedra); ao Mellor Híbrido de Camelia para Geli Piñeiro, de Tomiño e á Mellor especie de Camelia para Manuela Couso, de Cuntis.

Marián Ferreiro felicitou á Asociación Galega da Camelia polo traballo realizado na organización, un ano máis desta Mostra, e tamén a todos os cultivadores que participaron na mesma, traendo á cidade os mellores exemplares das súas especies de camelios. A alcaldesa destacou o compromiso da cidade coa entidade, recordando que se remonta a hai máis dunha década, coa plantación duns trescentos exemplares desta especie no parque de Freixeiro e a creación dunha propia, a Camelia Cidade de Narón, creada no ano 2002 polo vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, Eusebio López, presente tamén na inauguración da Mostra.

Así mesmo, na súa intervención Marián Ferreiro asegurou que o goberno local continuará colaborando con esta entidade, con sede propia en Narón, e convidou á cidadanía a desprazarse esta fin de semana á cidade para ver os centos de exemplares de flor de camelia que integran esta décimo quinta edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón.

Pola súa parte, o presidente da Asociación Galega da Camelia, Edmundo Novoa, agradeceu a colaboración prestada tanto polo Concello como desde o Centro Comercial Odeón para poder desenvolver con éxito este evento na cidade. Novoa destacou tamén a gran calidade das flores que se poden ver este ano na Mostra e a elevada participación de cultivadores desta especie.

Na xornada deste domingo  a partir das 10.30 horas, haberá unha visita guiada ao xardín de camelias de Manuel Cruz, na parroquia fenesa de Sillobre, tal e como recordaron desde a organización antes de sacar unha foto de familia cos premiados e dar por inaugurada a XV Mostra da Camelia Cidade de Narón.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …