Aprobados , inicialmente, os orzamentos do concello de Narón para o ano 2019

O goberno local de Narón (TEGA, PSOE e BNG) aprobou inicialmente na mañá deste xoves no pleno, co voto tamén favorable do edil de EU, abstención do PP e en contra de ENE, os orzamentos do Concello e do Padroado da Cultura, os xerais consolidados, as bases de execución dos orzamentos e o límite máximo de gasto non financiero para 2019. O orzamento do Consistorio será o vindeiro ano o máis elevado da historia da cidade, cun total de 32,9 millóns de euros e reservando unha partida para investimentos de 2,9 millóns de euros. Estas contías resultan ser o froito da xestión realizada nos últimos anos, que puxo a cero a débeda bancaria –que no ano 2012 era de 12 millóns de euros- e permite conxelar as taxas e impostos municipais, reducindo o coeficiente do IBI rústico do 0,65 ao 0,62 en 2019, igualándoo co urbán, tal e como recordou o concelleiro de Xestión Orzamentaria, Xosé Gómez Fandiño.

O edil responsable da citada área aludiu tamén ao incremento do dinamismo económico do sector da construción na cidade que, dixo, “nos permite elevar a previsión de ingresos en 2019” e destacou a importancia das partidas que se destinarán á rehabilitación do muíño de Xuvia -982.501 cofinanciados coa Deputación e Fondos Europeos-, a aportación para o convenio do novo centro de saúde -860.353 euros-, un novo campo de herba artificial en Río Seco -141.000 euros cofinanciados coa Deputación- a ampliación do refuxio de animais de Mougá -32.735 euros-, e tamén actuacións en materia de saneamento, accesibilidade, eficiencia enerxética e unha partida para a área de dependencia, que se incrementa en 400.000 euros con respecto ao ano pasado e se duplica en comparación co exercicio anterior.

No apartado dos orzamentos a alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil responsable da área agradeceron o traballo realizado polo persoal dos departamentos implicados na súa elaboración e destacaron o feito de que se trata dunha proposta “viable e executable” que constata a boa xestión que se está levando a cabo no Concello desde o equipo de goberno.

Así mesmo, o tripartito e EU aprobaron iniciamente o proxecto de expropiación “Parque fluvial de Narón entre a avenida Miguel de Cervantes e Megasa”. O Consistorio adquirirá uns 50.000 metros cadrados de terreo, que suporán un investimento de 259.000 euros para expropiar 62 parcelas, xa que das 67 afectadas unha é xa de titularidade municipal e outras catro da Demarcación de Costas. O proxecto consistirá na habilitación dunha senda mixta, peonil e ciclista, que discurrirá paralela ao río Freixeiro, entre a avenida Miguel de Cervantes e a empresa Megasa. A superficie total afectada por este proxecto é duns 70.000 metros cadrados, se ben o Consistorio xa ten en propiedade os 20.000 restantes. Os titulares dos terreos a expropiar convocaranse desde o Concello a unha xuntanza na que se lles explicarán as afeccións das súas propiedades -o proxecto expropiatorio someterase a exposición pública-.

O pleno deu tamén luz verde ao cadro de persoal e Relación de Postos de Traballo do ano 2019 na que se contempla a aprobación da creación de tres prazas para axentes da Policía Local.

Na sesión plenaria nomeouse ao concelleiro de Promoción Económica e Xestión Orzamentaria, Xosé Gómez Fandiño, como representante do Concello no Padroado da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña.

Abordouse tamén, resultando aprobado, o texto consolidado da ordenanza reguladora do procedemento de intervención administrativa na execución de obras e no exercicio de actividades e servizos no termo municipal de Narón, que se aprobou de xeito definitivo.

No apartado das mocións saíu adiante –cos únicos votos en contra do PP- unha presentada polo tripartito (TEGA, PSOE e BNG) sobre a política do goberno galego en relación co financiamento das entidades locais. No documento ínstase á Xunta a regular o financiamento dos concellos galegos mediante unha lei autonómica consensuada coa Fegamp; establecer os criterios que rexan o reparto de subvencións autonómicas a favor das entidades locais e establecer un acordo para que o canon da auga se reparta con criterios de igualdade, entre outras peticións.

O Grupo Mixto (ENE) presentou unha moción para a participación no programa de fomento de rexeneración e renovación urbana e rural do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 que se deixou sobre a mesa por acordo unánime da corporación e a través de EU presentou outra para controlar a proliferación das apostas online e casas de xogo e tomar medidas de prevención ante a ludopatía, aprobándose esta última por unanimidade da corporación.

Fóra da orde do día presentáronse dúas mocións máis, unha do PSOE sobre a Atención Primaria no Concello, aprobada cos votos de tódolos edís excepto os do PP, na que se insta á Xunta a mellorar a Atención Primaria no Concello de Narón.

A segunda, aprobada por unanimidade -un feito que valorou a alcaldesa- permitiu ratificar o acordo entre os Concellos de Ferrol e Narón para a recuperación por parte do Estado da xestión da explotación do sistema de saneamento e depuración da marxe norte da ría de Ferrol, unificando a xestión de tódalas infraestruturas do sistema xeral de saneamento de Ferrol e Narón para a posterior encomenda á Sociedade Estatal de Aguas de las Cuencas de España.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …