O Concello de Narón destina unha partida de 82.235 euros á mellora do sistema de alumeado e eficiencia enerxética no barrio de Xuvia, unha intervención que se atopa actualmente en fase de adxudicación. Na citada parroquia rematáronse recentemente os traballos que permitiron dotar de puntos de luz o tramo de acceso á pasarela peonil que, na zona do paseo marítimo, une os concellos de Narón e Neda e tamén se instalaron luminarias na zona do parque infantil. “Estas últimas actuacións supuxeron un gasto conxunto de 24.000 euros, que sumado ao importe de mellora de eficiencia enerxética en Xuvia supón un investimento de 106.235 euros nesta parroquia”, apuntou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.
Na actualidade están rematados os traballos de iluminación da senda do paseo que vai cara á pasarela peonil da ponte entre Narón e Neda, donde se instalaron un total de oito luminarias, cun investimento duns 12.000 euros. Esta mesma cantidade é a que se destinou desde o Concello ás obras de iluminación da zona do parque infantil do paseo, tamén rematadas, tal e como indicou o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla.
A terceira actuación nesta área consiste na substitución das actuais luminarias do barrio de Xuvia, que eran de descarga de vapor e agora instálanse de tecnoloxía led. En total, indicou a rexedora local, “realizarase un investimento de 82.235 euros, que permitirá cambiar un total de 170 luminarias localizadas nunha trintena de viais deste barrio”. Os traballos implican ademáis a renovación de tres cadros de alumeado e a reforma doutros dous, do total de cinco ubicados en Xuvia.
“Continuamos avanzando en materia de eficiencia enerxética, co que este tipo de proxectos supoñen en canto ao aforro no consumo eléctrico, e por tanto na factura a abonar desde as arcas locais; na reducción da contaminación lumínica, ao emitir menos contaminación ao medio ambiente e tamén dos gastos de mantemento do servizo nas antigas luminarias”, subliñou Marián Ferreiro. A alcaldesa avazou que “atendendo aos estudos previos realizados, o consumo reducirase case á metade e, parello, o importe da factura no total de rúas nas que se contemplan estas novas actuacións».