A xogadora de balonmán Alicia Fernández Fraga, premiada como “Mellor deportista de Narón do ano 2018” na XXX Gala do Deporte

Preto dun milleiro de persoas asistiron na noite deste venres, a partir das 21.00 horas, á celebración da trixésima edición da Gala do Deporte de Narón. A xogadora de balonmán Alicia Fernández Fraga foi nomeada ao final do acto como “Mellor deportista de Narón do ano 2018”. A alcaldesa, Marián Ferreiro e outros integrantes da corporación local, entre eles o concelleiro de Deportes, asistiron a este acto e participaron tamén no acto de entrega dos diferentes premios deste evento.

Alicia Fernández Fraga, que xoga no clube romanés Ramnicu Valcea por segunda tempada consecutiva (un dos mellores equipos do país), comezou nas filas do Balonmán Narón e foi fichada para o equipo Puerto de Sagunto cando aínda estaba nas categorías base do clube naronés. Xogadora habitual nas convocatorias da Selección Española nas categorías base, conta no seu palmarés con numerosos títulos, un recoñecemento á súa constancia e evolución neste deporte. Na actualidade é unha das fixas da Selección Española Absoluta e na actualidade disputa en Alacante un torneo preparatorio para o Europeo Feminino de Balonmán, que se disputará o vindeiro mes de decembro en Francia. A súa traxectoria fíxoa gañadora do premio á “Mello deportista do ano de Narón 2018”, tras valorala un xurado especializado en deportes.

Durante o acto da entrega dos premios proxectouse un vídeo que resumía a actividade deportiva desenvolvida en Narón tempada 2017-2018, polos clubes da cidade.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, iniciou a súa intervención recordando que o Concello de Narón, a través desta Gala, leva xa trinta anos “premiando a xeracións de deportistas que fixeron, que facedes do deporte parte fundamental da marca Narón, dese selo distintivo que nos deu un nome e prestixio”. Destacou a rexedora local a vontade de traballo dos deportistas e tamén a mellora de infraestruturas na cidade e o incremento de medios para que poidan desenvolver os seus obxectivos. Así mesmo, Ferreiro asegurou que “a nós correspóndenos o esforzo, a determinación de querer apostar polo deporte, de facilitar a súa práctica…” e avanzou que de cara ao vindeiro ano se incrementará a partida municipal destinada a esta área.

Finalmente a alcaldesa agradeceu “o esforzo e dedicación de todas e todos os que facedes de Narón unha cidade comprometida co deporte” e tamén valorou o traballo do persoal da área de Deportes, dos clubes da cidade, adestradores e adestradoras e nais e pais para concluír felicitando novamente aos deportistas premiados na Gala e incidir no compromiso do goberno local para continuar investindo en Deporte para que “siga sendo marca Narón”.

Pola súa parte, Román Romero destacou que foi un ano “de moitos logros deportivos, de moitos ascensos, de moitos recoñecementos nacionais e internacionais para o noso deporte”, ao tempo que amosou “a miña admiración por eses logros, tanto polos éxitos acadados como polo que, ao meu entender, é o maior dos premios: vivir o deporte e vivir no deporte e, a través del, vivir a vida con plenitude”. O edil naronés recalcou os beneficios que reporta a práctica de exercicio físico e subliñou que “facer deporte é a escolla consciente dunha maneira de practicar a vida”

Deportistas premiados

Tralo turno de intervencións procedeuse a nomear aos deportistas do ano nas modalidades de Atletismo, Automobilismo, Automodelismo, Baile deportivo e de competición, Baloncesto, Balonmán, Caza, Ciclismo, Colombofilia, Esgrima antiga, Fútbol, Fútbol sala, Golf, Kárate, Kick Boxing, Motociclismo, Natación, Natación artística, Pesca, Piragüismo, Rallye slot, Remo, Silvestrismo, Tenis de Mesa, Tiro con arco, Tiro olímpico, Triatlón, Voleibol, Xadrez e Ximnasia rítmica.

No trancurso da Gala entregáronse tamén as Mencións Especiais á Mellor promesa: Alejandro Cagiao Teijeiro, da Escudería Siroco Narón; Mellor traxectoria deportiva, para Sara Guerrero Manso, do clube Triatlón Narón; Mellor proxección deportiva, para Marco Veiga Amado, de Ciclos Quintena; Mención especial por logros deportivos, para Claudia Canay Chaparro e Diandra Cobelo Nieto, do Club Narón Tenis de mesa; Mellor adestrador, para Lino López Amado, exadestrador do Star Center Uni Ferrol e actualmente do Perfumerías Avenida de Salamanca; polo Traballo, dedicación deportiva e humana no concello de Narón, a José Piñeiro Seijido, do Club Tenis de Mesa Narón; ao Mellor Clube, a Agrupación Deportiva Náutico de Narón; Mención especial á superación, para Fernando García Rodríguez, socio fundador do Moto Club Primera Línea; Mención especial e no seu recordo, a Óscar Prieto Fernández, que xogaba no Aldebarán Intasa San Sadurniño.

A XXX Gala do Deporte de Narón rematou coa entrega por parte da alcaldesa, Marián Ferreiro, do premio á “Mellor deportista de Narón do ano 2018” a Alicia Fernández Fraga –que recolleu o vicepresidente do clube Balonmán Narón- e cunha fotografía de familia no escenario do Pazo en recordo deste evento.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …