A asamblea do Bloque Nacionalista Galego de Narón vén de proclamar a Olaia Ledo Díaz candidata da formación ás eleccións municipais de 2019 xa que Lidia Romero tivo que verse na obriga de renunciar por motivos estritamente do ámbito persoal.
Ledo foi elixida por unanimidade na asamblea extraordinaria celebrada na mañá deste sábado. Após a súa elección, a candidata do BNG asegurou que afronta esta responsabilidade “con moita ilusión e con confianza no equipo que está a traballar desde hai meses na elaboración do programa co que queremos que Narón dea un salto cualitativo. Temos ideas, temos proxecto e temos un equipo de xente con ilusión e coas cousas claras. Somos conscientes que Narón e o país precisa BNG para saír adiante, para ter futuro e a equipa que conformamos como asemblea é unha ferramenta máis para conquistar benestar para todos e todas”.
A candidata do BNG quixo agradecer a confianza dos militantes e simpatizantes, e moi especialmente a Lidia Romero pola dedicación e implicación ao longo destas semanas, un labor que coñece ben porque levan traballando conxuntamente desde entón.
O perfil da candidata
Olaia Ledo é licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo e produtora e guionista audiovisual en Nós, Produtora Cinematográfica Galega, S.L. No BNG é vicecordinadora de comunicación na Executiva Nacional e responsábel da Comisión de Ecoloxismo. Na comarca de Ferrolterra é tamén membro da Executiva comarcal como responsábel de comunicación. Milita no nacionalismo desde os 17 anos e foi claustral da Universidade de Vigo polos CAF. Veciña de Xuvia, traballa no movemento asociativo de Narón tanto no cultural (asociación cultural Xebra, Comisión Revolta Popular Marzo 1918…) como no social (Asociación Semente de Trasancos.
Pasan más tiempo cambiando candidatos que duchándose