Un total de corenta e nove persoas participaron este ano na novena edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón, convocado a través da Concellería de Turismo, que dirixe a edil Natalia Hermida. Os participantes presentaron un total de 140 imaxes, que un xurado especializado en fotografía se encargará de valorar en función das bases deste certame. A reunión dos seis integrantes do mesmo, tal e como indicou a concelleira, será o vindeiro 15 de outubro no Concello.
Nesta ocasión, tal e como explicou Hermida, dos corenta e nove participantes un total de trinta son de Narón, se ben once están censados no veciño municipio de Ferrol e os restantes son de Fene, San Sadurniño, Mugardos e Pontedeume. As tres fotografías que obteñan a maior puntuación obterán premios de 750, 300 e 150 euros, respectivamente, e a maiores seleccionaranse outras nove para ilustrar o calendario de sobremesa que anualmente edita o Concello de Narón. O xurado valorará tres aspectos, cun máximo de dez puntos cada un deles: a calidade técnico-artística, a orixinalidade e o grao de representatividade do Concello de Narón. Así mesmo, nas propias bases xa se establecía o feito de que as imaxes debían amosar a riqueza do concello, tanto a novel patrimonial como nas áreas de lecer, cultura, tecnoloxía ou festas populares.
Ao igual que en edicións anteriores, para garantir o anonimato, os participantes entregaron as imaxes baixo seudónimo, podendo consultarse na páxina web tanto as bases do certame como o listado ao completo a través do enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/Concurso-de-Fotografia.
Unha vez que o xurado valore as fotografías procederase a comunicar os premios aos gañadores, que se publicarán tamén na páxina web do Concello, así como a acta da convocatoria e o día e hora do acto no que se procederá á entrega dos mesmos.
O prazo de entrega de imaxes para o IX Concurso de Fotografía Cidade de Narón permaneceu aberto entre os días 17 e 28 de setembro. A concelleira de Turismo agradeceu a elevada participación nesta nova edición do concurso fotográfico. “É unha satisfacción para nós que case medio cento de persoas se animaran este ano a participar neste certame, unha convocatoria moi importante para nós en canto que aposta por difundir a riqueza desta oitava cidade de Galicia”, asegurou Hermida.