A veciña do Couto Flora López Yáñez, de 103 anos recibiu a visita das edís de Promoción Social e Acción Social

A veciña do Couto, en Narón, Flora López Yáñez, de 103 anos, recibiu na mañá deste mércores a visita das concelleiras de Promoción Social, Teresa Sabio, e Acción Social, Catalina García, que se desprazaron ata a súa vivenda para felicitala con motivo dos actos programados desde o Concello para conmemorar o Día Mundial das Persoas Maiores.

Flora López, natural de Placente (en Sedes) e que o vindeiro mes de xaneiro cumprirá 104 anos, reside coa súa filla Amalia Romero Yáñez e o seu xenro Celso na parroquia do Couto e ten tres tataranetos, un neno de seis anos e unhas xemelgas de nove meses.

Conversou animadamente coas concelleiras naronesas durante a visita, explicándolles que ten moi bo apetito e que lle gustan moito as castañas, entre algunhas anécdotas da súa vida, dende que era unha nena. Agradeceu a centenaria a visita de Sabio e García, que lle entregaron como agasallo unha orquídea.

As edís naronesas quedaron convidadas a voltar a visitar a Flora, a quen xa coñecen desde hai varios anos, ao ser unha das mulleres que en 2015, con 100 anos, participou nunha homenaxe institucional organizada polo Concello a veciños e veciñas centenarios da cidade.

Pola súa banda, tanto Teresa Sabio como Catalina García agradeceron a acollida tanto de Flora como da súa familia e tamén o tempo que lles adicaron para conversar durante un tempo.

Lea también

La Xunta licita por 1,6 millones las obras para convertir una entreplanta en Narón en 14 viviendas públicas

La Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ha dado un paso para ampliar el …