Cabanas albergará o Campionato Galego de Kaiak de Mar o 12 de agosto

Cartel da proba – Concello de Cabanas

Cabanas albergará o domingo 12 de agosto o Campionato Galego de Kaiak de Mar e SUP Absoluto, en horario de 12 a 19 horas. Organizado polo Club Cabanas KDM e a Federación Galega de Piragüismo, conta coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia, e nel se prevé a participación de máis de 250 palistas pertencentes a 24 clubes galegos.

A competición arrancará ás 11,30 horas, cando se dea a saída ó Campionato Galego Infantil de Kaiak de Mar nun percorrido de 3.000 metros, entre a praia da Madalena e a punta da Macuca, e ás 12,30 horas, chegará o turno da Regata Sprint, sobre unha distancia de 1000 metros. Xa pola tarde, ás 16,30 horas, darase a saída á Regata Élite, con saída da praia e un percorrido de 14 kms polas fachadas marítimas de Redes e Ares, e praia de Ber, para regresar á Madalena.

Ás 18 h, darase saída á Regata Popular, na que participan a categoría de cadetes así como os populares de todas as categorías. Estes recorrerán 5 kms entre a praia da Madalena e o islote do Mourón. E, a esta mesma hora, tomarán a saída as embarcacións tradicionais, que recorrerán 10 kms dando dúas voltas ó percorrido dos populares.
Así mesmo, durante todo o día os asistentes poderán navegar en piraguas autobaleirables; montarase un campo de inchables para os máis pequenos e, para rematar a xornada, todos os participantes poderán degustar unha paella popular.

Organizado polo Club Cabanas KDM, trátase dun evento deportivo que busca difundir e promocionar o territorio, e fomentar o turismo de litoral e as actividades náuticas sostibles, e cuxos inicios remóntanse ó 2013. Nese ano, o Club Cabanas KDM impulsa o I Open Galego, regata amigable aberta á participación dos clubes galegos. Dende entón, a confianza depositada por estes e a Federación Galega levou ó clube a organizar, en 2014, 2015 e 2016, o Campionato galego, edicións nas que recibiu o premio á mellor regata da Liga Galega de Kaiak de Mar. En 2017, ademáis de ser nombrada mellor regata da Liga de Kaiak de Mar, foi recoñecida co accésit e o premio á mellor regata de piragüismo de Galicia na Gala do Piragüismo galego.

A Liga Galega de Kaiak de Mar está organizada pola Federación Galega de Piragüismo representada polo seu Comité de Kaiak de Mar, composta por unha serie de regatas que teñen como esceario as rías galegas.

Dende o KDM tamén se pon de manifesto que o Campionato galego ten un especial interese, xa que por ser a última regata da Liga, resólvense nela as clasificacións, ata o momento normalmente moi apretadas.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …