O XXVIII Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño disputarase o 26 de agosto. Nesta edición, o trofeo celebrarase no campo de fútbol de Vilaboa, e nel tomarán parte o CD Rosalía de Vilaboa, a UD Lago, a SD Valdoviño e o Meirás CF. Os presidentes dos citados clubes, Juan Sabín Muíño, Enrique Rapela Ferreiro, José Luis Campos e Juan Carlos Aneiros Aneiros respectivamente, xunto ó alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, presentaban esta mañá a cita deportiva no salón de plenos da casa consistorial.
O calendario xa está pechado e os partidos comezarán ás 17 horas. Terán unha duración de 45 minutos, de modo que a competición queda da seguinte maneira: ás cinco do serán enfrontaranse o CD Rosalía contra o Meirás CF e, ás seis, a UD Lago e a SD Valdoviño. Os equipos que perdan os encontros xogarán polo 3º e 4º posto ás 19 horas, namentras que ás 20 horas disputarase a final.
Dende o Concello, promotor do torneo xunto ós clubes participantes, anímase á veciñanza e tamén ás persoas que estes días visitan o municipio a acudir ó mesmo, un dos máis veteranos da comarca, e disfrutar deste auténtico espectáculo de fútbol.