A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, participarán este mércores xunto co médico Carlos Piñeiro e o cociñeiro vigués Iván Méndez no acto de presentación do programa “100.000 Motivos de Peso” e nun showcooking posterior no Café Teatro do Pazo da Cultura. Esta convocatoria, que dará comezo ás 20.30 horas, está aberta á participación da cidadanía en xeral, que poderá coñecer ademais as vantaxes do Menú Ártabro, integrado nesta iniciativa, e tamén aprender a cociñar determinados pratos desta dieta da man de profesionais.
O acto comezará cunha intervención da alcaldesa, na que exporá as principais liñas de actuación e retos do programa “100.000 Motivos de Peso”, así como o papel que xoga a administración local nesta iniciativa, promovida a través do Servizo Galego de Saúde. Finalizada a intervención de Ferreiro será o turno de Piñeiro, que falará aos asistentes sobre os obxectivos do programa a nivel sanitario, así como do seguemento do mesmo e da implicación social. A terceira das intervencións correrá a cargo do edil Pablo Villamar, que centrará a súa intervención no apartado gastronómico e na implicación do Club Narón Gastronómico e do sector hostaleiro da cidade.
Finalmente, o técnico superior en Hostalería e Cociña e chef de I+D+i da empresa Cabomar, industria alimentaria especialista no sector dos conxelados Iván Méndez será o encargado do showcooking que pechará a convocatoria coa pertinente degustación. A semana pasada organizouse un obradoiro de preparación de Menús Ártabros dirixido ao sector hostaleiro local, no que participaron unha vintena representantes do mesmo.
Desde o Concello de Narón convidouse ás entidades do municipio a acudir a este evento e anímase á cidadanía en xeral a asistir para coñecer o traballo que se está realizando e os proxectos de futuro deste programa, que xa colleitou un premio europeo –Premio Europeo da Obesidade 2018 á Mellor Programa de Participación Pública-e que espertou o interese doutros países como Alemaña ou Francia, entre outros.