Unha ocasión máis perdida para a I + D+ i en Ferrol?

Diego Sande Veiga

O Fondo Tecnolóxico foi un Programa Operativo lanzado desde o Estado no período 2007-2013 e pertencente aos Fondos FEDER, destinados a reducir as disparidades entre os Estados Membros da UE. Este instrumento foi creado nun contexto no que España viña de perder o liderado na percepción de recursos europeos e baixo o paraugas da neoliberal Estratexia Lisboa.

O Fondo Tecnolóxico puxo o foco dos recursos empregados nas rexións obxectivo Converxencia, entre as que se atopaba Galicia, xunto a Castela A Mancha, Estremadura e Andalucía. En total puxéronse a disposición desde a administración central 405 M€ para a innovación nas empresas.

Na aplicación deste programa producíronse unha serie de evidencias nas que cómpre poñer o acento en clave territorial. Produciuse unha concentración dos investimentos en Galicia arredor do Eixo Atlántico, sendo esta a área máis dinámica de intercambio económico na Comunidade Autónoma. Na análise dos datos queda reflectido o gran desequilibrio existente por territorios na execución, menor nas provincias interiores fronte ás atlánticas, especialmente a de Pontevedra. Desta maneira, a situación de inferior captación de recursos sufrida por Lugo e Ourense poderá lastrar o seu desenvolvemento futuro, tendo en conta que a súa situación de partida xa é máis atrasada que a da Coruña e Pontevedra. Queda patente tamén que a meirande parte do ámbito rural permanece en gran medida excluído no desenvolvemento dos proxectos.

En agarda das cifras de certificacións aceptadas por parte da Comisión Europea, os fondos asignados directamente ás principais cidades galegas acadaban a mediados de 2015 un valor de 93,5 M€, o 40,09% do total executado en Galicia e algo menos dun 25% da asignación inicial1. Vigo era a máis favorecida cun 18,98% do gasto executado, seguida de lonxe por Santiago co 8,66% sobre o total. A continuación situaríase A Coruña en terceiro lugar co 7,40%. Así, un de cada cinco euros executados en Galicia do Fondo Tecnolóxico acababa destinado directamente en Vigo. As restantes cidades galegas presentan niveis de execución menores que apenas acadan o 3% do total de recursos. Entre elas destaca o caso de Ferrol, unha comarca que conta con potencialidades e coñecemento no ámbito da enxeñaría e en sectores con alto valor engadido como o naval e que só contaba co 0,86% da execución do Fondo Tecnolóxico en Galicia. Cabería preguntarse se esta distribución dá resposta ás necesidades de innovación existentes.

En agarda dos resultados oficiais definitivos, o certo é que non existen elementos para xulgar que esta estrutura do gasto teñan mudado substancialmente coas cantidades finalmente declaradas. Unha ocasión máis perdida para Ferrol?

1.-A interpretación deste importe debe entenderse sen prexuízo de que parte dos restantes recursos puidesen finalmente recaer nas urbes galegas de maneira indirecta , ou incluso por estar asignados a varios territorios

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …