O orzamento municipal e a plataforma virtual Narón Participa centraron a reunión do Consello Xeral de Participación Cidadá

Un total de once entidades veciñais, a representación do Consello Xeral de Igualdade e dous representantes da zona urbana asistiron, xunto con representantes do goberno local de Narón ao Consello Xeral de Participación Cidadá celebrado no  Concello. A convocatoriainiciouse coa intervención do médico Carlos Piñeiro, que anunciou que a partir do mes de xuño, coincidindo coa celebración dos Consellos Territoriais, se procederá a visitar as diferentes parroquias e barrios da cidade para explicarlle á veciñanza unha serie de iniciativas enmarcadas no programa 100.000 Motivos de Peso.

O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, encargouse de explicarlles aos integrantes do Consello Xeral de Participación Cidadá o orzamento municipal deste ano que, dixo, “ascende a 31,8 millóns de euros, sendo o máis elevado da historia deste Concello”. Villamar destacou o apartado de investimentos reais, que pasará dos 1,6 millóns do pasado exercicio aos 2,8 do actual, e recordou que se reservan importantes partidas para levar a cabo actuacións de “saneamento, pavimentación de viais e accesibilidade, entre outros”. Apuntou tamén o edil naronés que os impostos e taxas municipais se manterán conxelados durante 2018, ao igual que se vén facendo nos últimos anos, e recordou que a maiores, o goberno local aplicará unha baixada do coeficiente do IBI, que pasará do 0,65 ao 0,62. Antes de rematar a súa intervención, Villamar incidiu en que os orzamentos deste ano “recollen importantes partidas para as dúas propostas principais formuladas polas veciñas e os veciños de Narón no anterior Consello Xeral de Participación Cidadá, que foron investimentos en saneamento e accesibilidade”

Pola súa banda, a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, foi a encargada de explicar na xuntanza a próxima modificación do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Narón. A edil indicou que se levará a cabo “unha actualización en profundidade” do documento.

A maiores, García falou tamén sobre a recente posta en marcha da plataforma virtual de Participación Cidadá directa Narón Participa. As veciñas e veciños de Narón poden, rexistrándose e accedendo á mesma –a través da web do Concello, do Portal de Transparencia ou directamente desde: www.naronparticipa.es ou naronparticipa.gal- participar no proceso de elaboración de varias ordenanzas municipais. Na actualidade, e ata o vindeiro día 17, están abertos cinco procesos das áreas de Medio Ambiente (Actividades de montes e espazos forestais e Tenencia, defensa e protección dos animais), Urbanismo (Regulación da publicidade no Concello) e o Servizo Sociocomunitario (Réxime de uso interno da Biblioteca municipal e Réxime de uso interno da Ludoteca municipal). Algunhas veciñas e veciños xa formularon as súas propostas, pero todas as persoas que o desexen poderán aínda facelo ata o 17 de maio na actual fase de consulta pública, ou posteriormente, na fase de audiencia, cun borrador xa redactado por técnicos municipais e, incluso, nunha terceira fase, coa apertura do pertinente período de alegacións antes da aprobación definitiva no pleno do documento en cuestión. García avanzou que o goberno local ten previsto incluír neste procedemento a finais deste mes o Regulamento de Participación Cidadá, para sometelo a este mesmo proceso.

A valoración deste último Consello Xeral de Participación Cidadá é moi positiva e queremos agradecer a todas as veciñas e veciños a súa participación e implicación”, asegurou García. A edil naronesa subliñou que “temos que continuar avanzando conxuntamente nese camiño porque a Participación Cidadá é un traballo de longo percorrido”.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …