O Aldebarán xoga este sábado un partido que pode ser histórico

Xuntanza técnica do Aldebarán – Concello de San Sadurniño

O equipo da SM2 do Club voleibol Aldebarán enfrontarase este sábado no pavillón municipal -19.45h- ao Podes i Tales CV Manacor, o seu inmediato perseguidor na loita polo ascenso á máxima categoría do volei estatal. O equipo de Charly Suárez celebrou onte a súa última xuntanza técnica para analizar o xogo dos rivais, que o adestrador define como un equipo «que non falla» e que no enfrontamento da ida «custou frear«. Porén, Suárez confía no bo estado de forma e na «motivación» dos seus pupilos para certificar o ascenso antes da última xornada dos playoff. Para iso volve apelar ao apoio do público local que, case con total seguridade, ateigará as bancadas do pavillón para asistir a un partido con ambiente de grande final que, ademais, será emitido pola TVG2.

A xuntanza deste xoves serviu para ultimar os detalles do plan de defensa e ataque que se tentará escenificar mañá no pavillón. Foi unha sesión de análise táctica que se completou cun adestramento suave que se repetirá hoxe á tarde sen demasiada intensidade para evitar que alguén poida chegar tocado a un partido que é decisivo. Suárez conta con toda a plantilla en boa forma -incluído Pakito, que perdeu parte do playoff- e sobrada de ánimo para dalo todo na cancha. «Vexo o equipo moi ben, con moita motivación e moitas ganas de pechar na casa o ascenso«, dixo o técnico.

Diante terán un óso duro de roer: o Podes i Tales de Manacor, que marcha en segundo posto da táboa separado por tan só un punto dos líderes, o Aldebarán-Intasa. Suárez augura un «partido igualado«, lembrando que no enfrontamento da ida, malia a victoria para os de aquí, foi difícil frear a forza atacante da escuadra balear. «É un equipo que non falla, moi seguro no saque. Non cometen erros que non sexan forzados e, ademais, teñen posiblemente o mellor ataque da liga«. A esta fortaleza dos contrincantes, Suárez contraponlle «o mellor bloqueo» e a efectividade receptora do seu equipo.

San Sadurniño prepárase, pois, para un encontro decisivo. Gañar garantiríalle ao Aldebarán unha das dúas prazas de ascenso, pero as posibilidades están aínda todas abertas. O cvleganes.com visita a cancha do Emevé Lugo. Os lugueses xa non teñen ningunha opción e, se perden pola máxima, os de Leganés sumarían 3 valiosos puntos e a loita polo ascenso pasaría ser cousa de tres, convertendo a última xornada nunha contenda aínda máis apretada se o Intasa cae mañá ante os de Manacor.

Equipo e club agardan que non haxa que chegar a tanto e que este sábado o Aldebarán-Intasa poida facer historia cunha victoria que lle valla para ocupar unha merecidísima praza na Superliga. Para iso pídese «máis que nunca» o apoio dun público que, con total seguridade, volverá crear un ambiente de festa como o vivido no anterior partido disputado na casa contra o cvleganes.com.

Lea también

Triple sobre la bocina del BBCA masculino para recuperar la sonrisa con una victoria épica

Épica victoria del Costa Artabra sobre la bocina, en un trabajado encuentro este sábado ante …