A concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, Saínza Ruiz, facía hoxe en rolda de prensa o balance da actividade no ano 2017 na Casa de Acollida de Ferrol, unha ferramenta social para as mulleres vítimas da violencia de xénero en calquera das súas manifestacións.
En total, no ano pasado, pola Casa de Acollida de Ferrol pasaron 9 mulleres con idades comprendidas entre os 31 e 59 anos, explicaba hoxe a concelleira atendendo aos datos da Memoria da Casa de Acollida elaborada polas técnicos municipais.
O 55% das mulleres acollidas foron de nacionalidade española e o 45% procedían doutros estados cunha idade media de 31 anos. A gran maioría das mulleres asistidas na Casa de Acollida de Ferrol, o 67%, tiñan fillos menores a cargo ou persoas dependentes ao seu coidado, e a súa situación era de desemprego (77%).
O perfil é o dunha muller sen recursos, xa que o 44% das que acudían ao centro non contaban con ingreso de ningún tipo e o 45% percibía algún tipo de prestación ou salarios inferiores a 500 euros ao mes. Só 3 das 9 mulleres que estiveron no centro no ano 2017 contaban con ingresos propios e o 89% do total, non remataran os estudos básicos. A estadía máxima fixada pola regulación é de seis meses e o tempo medio que adoitaron estar estas mulleres no pasado 2017 foi de un a tres meses.
Outro dato que cómpre destacar é que, do total de cidadáns do Estado, o 11% procedían de Ferrol mentres que o 56% procedían doutros concellos da provincia da Coruña. Un 22% mais eran galegas, de Ourense e Pontevedra, e o resto, acudiron procedentes doutras CCAA. O mes no que se rexistrou un maior nivel de ocupación foi o de novembro, ao 80% da súa capacidade, o dobre da media, que adoita estar no 40%.
A Casa de Acollida de Ferrol iniciou a súa andaina como recurso específico de atención a mulleres no ano 1986 e no ano 200o pasou a ser centro rexistrado como entidade prestadora de servizos sociais co obxectivo xeral de dotar dun recurso de acollida e de atención especializada no ámbito da violencia de xénero.
Tal e como se recolle na memoria anual presentada este mércores, a Casa facilita apoios, información e asesoramento en material social, xurídica e psicolóxica, entre outras cuestións, que implican as mulleres no seu proceso para a (re)construción da súa vida cubrindo as súas necesidades básicas. Conta con 15 prazas para mulleres cos seus fillos menores, se fose o caso.
A Casa de Acollida, tal e como explicaba hoxe a concelleira de Benestar Social, traballa de xeito coordinado cos profesionais de Enfermería, que realizan as prácticas no CHUF na especialidade de Enfermería Sociocomunitaria, ademais das forzas e corpos de seguridade (Policía Nacional e Policía Local), con todos os servizos e departamentos do Concello para ofrecer a mellor asistencia as vítimas da violencia de xénero cun recurso tan fundamental como é dispor desta Casa que foi, tal e como lembraba hoxe a edil, froito dunha doazón dunha antiga traballadora do municipio.