Narón celebrará o Día Mundial da Auga

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, e a xerente do Centro Comercial Dolce Vita Odeón, Cristina Imaz, presentaron na mañá deste mércores no Concello os actos cos que se conmemorará na cidade o Día Mundial da Auga.

A maiores dos programados en Odeón o día 17, o goberno local organizará outra convocatoria con Acuaes para o propio 22 de marzo, que consistirá en xornadas de portas abertas ao tanque de tormentas do Río Inxerto 2 (A Gándara) e para as que será preciso inscribirse previamente, tal e como indicou o edil de Servizos.

Día 17

No Centro Comercial Odeón a actividade programada terá lugar este sábado, día 17, a partir das 19.00 horas. Alí as nenas e nenos poderán ver a obra Científicos Chiflados, de “Ciencia Divertida”, coa que os menores aprenderán a importancia da ciencia, que é máis poderosa que a maxia, a través dunha serie de experimentos que realizarán os Científicos Chiflados. Eles encargaranse de guiar aos asistentes polo bosque secreto do Mago Merlín, e irán superando unha serie de probas axudados polas nenas e nenos para conseguir cruzar o bosque valéndose da maxia. Sinais de fume, fontes de escuma, bebidas burbulleantes e outros experimentos centrarán este espectáculo, que espertará a curiosidade e imaxinación das nenas e nenos, tal e como indicou Cristina Imaz.

Día 22

No caso das xornadas de portas abertas no tanque de tormentas do Río Inxerto 2 programadas inicialmente para o xoves día 22 a partir das 10.00 horas, Santalla incidiu en que no caso de que se rexistren varias solicitudes poderán convocarse tamén o venres 23. As persoas interesadas en asistir deberán anotarse ata o vindeiro martes, día 20 (incluído), chamando –en horario de 8.30 a 13.30- ao número de teléfono 607 460 499, donde deberán facilitar o seu nome e un teléfono de contacto. Unha vez que se formen os grupos –cada quenda durará media hora e estará formada por un máximo de vinte persoas- comunicaráselles o día 21 o horario no que deberán persoarse no exterior das citadas instalacións.

Unha vez no tanque de tormentas, persoal de Acuaes proxectará un vídeo no que se explica o funcionamento das instalacións, entregará aos asistentes información sobre o saneamento e solventará posibles dúbidas, tal e como indicaron desde Acuaes. A finalidade destas xornadas de portas abertas é que a veciñanza poida coñecer de primeira man o funcionamento dos tanques de tormentas e tamén o control que se realiza nas instalacións e os beneficios que o servizo xera no medio ambiente, ao verterse as augas depuradas á ría.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, animou á veciñanza a participar nestas actividades para conmemorar o Día Mundial da Auga. “Tanto os nenos e nenas como os adultos terán a oportunidade de participar e implicarse nunha serie de propostas coas que se incidirá especialmente na importancia de realizar un uso responsable da auga e reducir o seu consumo”, apuntou. No caso da actividade programada para o sábado en Odeón, explicou a alcaldesa, “as nenas e nenos recibirán un folleto cunhas indicación básicas para aforrar día a día auga e tamén como agasallo unha botella reutilizable da campaña NARÓN♥H2O”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …