O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a licitación das cinco actuacións aprobadas polo Goberno Local na XGL do 26 de febreiro dentro do Plan Único (POS+ 2017) da Deputación da Coruña que supoñen un investimento global superior aos 350.000 euros para a mellora de diversas infraestruturas no noso municipio.
Entre elas, cómpre destacar, a inversión de 141. 965,91 euros na reparación do carril bici do paseo marítimo de Caranza, dos que o 80% (116.154,43) serán achegados pola institución provincial.
No concreto, estas obras permitirán mellorar a capa de rodadura do carril bici da avenida do Mar, que actualmente presenta un evidente estado de deterioro, con innumerables desniveis e irregularidades, debido ao crecemento das raíces baixo o pavimento, que producen o levantamento do mesmo, co consecuente risco de accidentes para os ciclistas.
As obras inclúen a retirada das árbores cuxas raíces afectan ao carril bici e a prantación de novos arbustos que non ocasionen este problema, así como a pavimentación da infraestrutura a base de formigón armado con maia de ferro electrosoldada, pulido con morteiro de cuarzo. Nalgúns tramos levarase a cabo o levantado completo do firme existente e a creación dun novo mediante mestura bituminosa en quente de 6 cm de espesor.
A actuación afecta a un tramo de 1.457 metros de lonxitude e a unha superficie de 4.475 metros cadrados, dos que 1.434 m2 serán realizados de novo a base de formigón pulido en cor.
No mesmo paquete de obras figuran catro intervencións destinadas a reparación e pavimentación doutros tantos camiños e viais municipais no termo municipal de Ferrol.
Tal e como avanzaramos, son traballos de mellora do firme coa aplicación cunha capa de 6 cm de mestura bituminosa en quente na Costa de Chamorro (1.460 m2), os camiños de Marmadeiro e Piñon, na parroquia de Cobas ( 2.346 m2), en Esmelle e no camiño da Pedra en Tralocastro (2.860 m2) e nos camiños de Casal e de Teixoeiras na Pega, na parroquia de San Pedro de Leixa (2.960 m2), cun investimento global de preto de 210.000 euros
Todas as obras teñen un prazo de execución de un mes, polo que se prevé que poidan estar rematadas este verán.
i en el artículo dice: «destacar, a inversión de 141. 965,91 euros na reparación do carril bici do paseo marítimo de Caranza, dos que o 80% (116.154,43) serán achegados pola institución provincial.» en realidad el gobierno municipal va a invertir 25.811,48.
Hay que ser riguroso.