O mes de marzo abríase no Concello de Ferrol coa presentación do Festival Atlántica, que terá lugar por segunda ocasión na cidade o 15 e 16 marzo e presentada en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, acompañada pola coordinadora do festival, Soledad Felloza.
O Festival Atlántica “é un festival internacional de narración oral e é unha oportunidade fantástica para difundir a tradición oral da nosa cultura”, afirmaba Suso Basterrechea. Ao mesmo tempo o concelleiro quería agradecer “o esforzo da Biblioteca, porque o ano pasado funcionou ben na cidade.”
A Ferrol virán Tamara Bezerra, de Brasil e Boniface Ofogo, de Camerún. Tamara Bezerra estará o 15 de marzo, na Biblioteca ás 18:00 horas coa sesión para nenos (de 3 a 8 anos) co título “Bichos Brasileiros” e ás 20:30 horas estará na capela do Centro Cultural Torrente Ballester coa sesión para adultos “Mulheres que ensaboam palavras.”
Boniface Ofogo estará o 16 de marzo, tamén cunha sesión para nenos na Biblioteca ás 18:00 horas co título “O león Kandinga” e ás 20:30 horas estará na capela do Centro Cultural Torrente Ballester coa sesión para adultos “Contos eróticos africanos.”
As entradas para todas as sesións do Festival Atlántica serán gratuitas e se podrán recoller dende o vindeiro martes na Biblioteca, para as súas sesións, e na billeteira do Teatro Jofre para as sesións que se realicen na capela do Centro Cultural Torrente Ballester.