O Concello de Narón iniciou a colocación de sinalización vertical en viais na parroquia do Val

O Concello de Narón iniciou a colocación de sinalización vertical en varios camiños da parroquia do Val. Así o anunciou a concelleira de Estatística, Mar Gómez, que apuntou que os traballos a realizar suporán un investimento que ronda os 16.000 euros e permitiron realizar unha completa tarefa para restablecer tanto a cartografía como a numeración e recuperar os topónimos do lugar. Colocaranse un total de oitenta e oito sinais na citada parroquia, estando previsto rematar os traballos a finais deste mes.

Mar Gómez apuntou que, ao igual que se fixo anteriormente nas parroquias de San Xiao e San Mateo, os sinais están realizados en madeira e nas mesmas figura o escudo e o nome do Concello de Narón e o oficial de cada un dos camiños. A edil de Estatística agradeceu a colaboración prestada pola Asociación de Veciños Os Irmandiños, do Val, para que este proxecto puidese levarse a cabo, ao ser eles os que contribuíron recordando o nome que levaban esas vías que carecían de sinalización e, en moitos casos, dun topónimo oficial.

A concelleira explicou que “unha vez que remate a intervención que se está executando no Val, procederase a realizar a pertinente comprobación, para a continuación iniciar os cambios no padrón previos á notificación ás veciñas e veciños da parroquia da numeración definitiva das súas vivendas”.

A actuación do Val complementa ás xa rematadas nas parroquias de San Mateo e San Xiao. No primeiro dos casos o Concello destinou preto de 20.000 euros para colocar setenta e oito sinais, mentres que no caso de San Xiao o investimento ascendeu a case 17.000 euros para sesenta e seis sinais, tal e como recordou Gómez.

Este tipo de iniciativas permítennos nomear os camiños e vías como se de rúas do núcleo urbán se tratase, ao tempo que recuperar, grazas á axuda veciñal, a toponimia das diferentes parroquias de Narón”, destacou a concelleira naronesa. “A colaboración das entidades veciñais destas tres parroquias de Narón foi en todo momento exemplar, facilitándonos moito a labor realizada na zona rural”, sublilñou. A concelleira destacou esa axuda das entidades veciñais do Val, San Mateo e San Xiao e tamén de Castro, parroquia esta última na que xa se traballa coa planimetría para nomear as diferentes vías.

Lea también

Axenda en Narón do 23 ao 25 de maio de 2025

Venres 23 de maio de 2025 Actividade: 37 Rally Cidade de Narón; Lugar: San Xiao …