A alcaldesa e a concelleira de Formación de Narón entregaron máis de 170 diplomas de nove accións formativas

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Formación, Natalia Hermida, participaron no acto convocado hoxe para entregar un total de 172 diplomas ao alumnado de nove accións formativas –tres delas con dúas edicións- impulsadas a través do Programa Municipal de Formación e Cemit. A cita tivo lugar nas instalacións do Auditorio municipal. Tanto a rexedora local como a edil naronesa felicitaron a tódalas persoas que participaron nestas accións formativas, que supuxeron un importante investimento ás arcas municipais e un total de 1.180 horas de formación, tal e como destacaron.

Na área de Formación impartíronse a finais do pasado ano cursos de Autoemprego, Mellora da Empregabilidade, Preparación de Competencias Clave (nivel 2), Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos, Primeiros Auxilios, Traballos en Altura e Verticais –dúas edicións- e Carnizaría. Nestas accións participaron 124 persoas e, en conxunto, implicaron 700 horas de formación. No que respecta á inserción laboral, Hermida subliñou o elevado nivel que se alcanza nalgunhas destas accións, como Carnizaría, que alcanzou o 46%.

En canto aos cursos Cemit, impartíronse os de Ofimática e Márketing en liña. Deseña e promociona a túa web, ambos con dúas edicións e tamén impartidos nos últimos meses do pasado ano. Foron un total de 48 alumnas e alumnos os que realizaron estes cursos, cuxo cómputo total de horas ascendeu a 480.

A alcaldesa e a concelleira de Formación agradeceron a “implicación e o esforzo” tanto do persoal do Concello que traballa nestas áreas a nivel administrativo como o do centro de Formación e tamén a colaboración das empresas nas que parte do alumnado de determinados cursos realiza as súas prácticas.

O Ministerio de Presidencia concede unha axuda de preto de 53.000 euros

Así mesmo, no transcurso do acto, a alcaldesa anunciou a recente concesión dunha axuda do Fondo Social Europeo, a través do Ministerio de Presidencia e Administracións Territoriais, para o Programa Operativo de Emprego Xuvenil. O Consistorio naronés optou por vez primeira a esta liña de axudas tras abrirse agora aos concellos de menos de 50.000 habitantes.

O Concello recibirá 52.590 euros para o proxecto “Mocidade Narón Activa 4.0” que, ao igual que os que optan a estas axudas, será cofinanciado con fondos europeos para realizar actividades formativas que contribúan a reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das mozas e mozos non ocupados nin integrados nos sistemas de educación e formación. O prazo de execución dos proxectos enmarcados neste programa remata o 31 de decembro deste ano.

Hermida destacou ademais que o concello de Narón foi, xunto cos de Lalín e Arteixo, un dos tres únicos de Galicia con menos de 50.000 habitantes que acadou estas axudas europeas.

Marián Ferreiro e Natalia Hermida animaron aos participantes a continuar formándose a través das diferentes propostas ofertadas desde o Concello e informaron tamén aos asistentes dos dispositivos cos que conta a administración local coa finalidade de mellorar a ocupabilidade das persoas demandantes de emprego. Entre eles, aludiron aos de Orientación laboral, Axente de emprego e desenvolvemento local, Formación e Intermediación laboral, todos dispoñibles para a súa consulta na páxina web do Concello de Narón: http://www.naron.es/web/docs/OrientacionLaboral.pdf.

 

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …