Unha vez que xa están rexistradas en todas as institucións implicadas as declaracións de apoio á candidatura local a Patrimonio Mundial asinadas polos cinco alcaldes que traballaron no expediente –Xaime Bello, Juan Juncal, Vicente Irisarri, José Manuel Rey e Jorge Suárez-, o Foro Ferrol Vivo, promotor desta iniciativa, vén de continuar coa campaña de recollida de sinaturas a entidades e particulares.
Así, a campaña, que comezou o mesmo día da Mesa de Alcaldes cunha recollida que se saldou con máis de 150 ahesións, ten como obxectivo, como apuntou a voceira do FFV, Eva Martínez, o de chegar a toda a cidadanía, “e que dun xeito masivo amosemos un consenso que as administracións que deben aprobar o expediente, así como a propia Unesco, valoran á hora de decidir”. E para acadar esta finalidade, o Foro Ferrol Vivo entregará as pertinentes follas de recollida a todas as entidades que o soliciten –algunhas delas xa o fixeron na Mesa de Alcaldes e as que non o fixeron e queren participar poden dirixirse ao correo unferrolvivo@gmail.com-, ademais de facelo en locais comerciais e hostaleiros da cidade. De feito, xa houbo asociacións comercias que están a repartir polos seus establecementos asociados estas follas.
A campaña de recollida de sinaturas non é a única iniciativa na que o Foro Ferrol Vivo está a traballar con respecto á divulgación e promoción da candidatura de Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial, senón que tamén están a traballar noutras actividades que se darán a coñecer nos vindeiros días.
“Non queremos que de novo quede en nada, polo que o Foro porá todo da súa parte para que a nosa cidade acade o recoñecemento que pensamos que non só merece, senón que pode ser un importante revulsivo para a recuperación socioeconómica”, asegurou Martínez.