O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo, retoma no mes de febreiro o proxecto SICTED de calidade turística, proxecto no que o Destino Ferrol levará con este 2018, xa seis anos traballando. Conta, na actualidade, con 36 empresas e entidades certificadas, posuidoras do distintivo de calidade que outorga TURESPAÑA.
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con empresas/servizos turísticos de ata 32 oficios/subsectores diferentes, co obxecto último de mellorar a experiencia e satisfacción de turistas e visitantes e axudar ás empresas nunha mellora continua dos seus procesos.
Paralelamente, o destino ten de realizar reunións con empresarios do sector nunha Mesa de Calidade Turística, onde se tratarán temas de interese turístico para a cidade e crearanse grupos de traballo cuxas propostas coñecerá o goberno local e decidirá sobre a súa implantación. En Ferrol o proxecto resulta de balde para as empresas participantes, xa que está subvencionado pola Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, participada maioritariamente polo Concello de Ferrol.
O proxecto iniciarase, na semana previa a Entroido, con formacións grupais para os participantes. As empresa interesadas en adherirse este ano teñen de prazo para facelo ata o vindeiro luns 5 de febreiro e poden solicitar máis información no email mlopezturismo@ferrol.es ou encher formulario de inscrición que aparece na web www.calidadendestino.es.
Ademais de dúas formacións anuais, o SICTED inclúe asesorías individualizadas ás empresas por expertos acreditados, manuais de boas prácticas para todos os subsectores (hoteis, cafeterías, empresas de turismo activo, comercios, guías turísticos, etc). Nesta nova edición, as empresas participantes rematarán o proxecto a finais de maio, con obxecto de que estean libres en tempada alta e poidan obter o seu distintivo (ou renovación do mesmo) no mes de outubro.
O distintivo de calidade ten unha vixencia de dous anos e vaise renovando. O distintivo é cada vez máis recoñecido e valorado polos turistas. Na actualidade hai 191 destinos de España que forman parte do SICTED, 5119 empresas distinguidas e outras 3969 empresas adheridas ao proxecto, pero que aínda non lograron a distinción.
Na provincia da Coruña, ademais de Ferrol, acaba de adherirse ao SICTED Santiago de Compostela, en Pontevedra traballan no SICTED Sanxenxo, Baiona, destino Pontevedra-Rías Baixas e Terras de Pontevedra Norte-Deza e en Lugo, Guitiriz.