Os alumnos e alumnas da aula de Fotografía da Xerencia Integrada de Ferrol, que organiza a Asociación Deportiva e Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (ADESCASFE), elaboraron un calendario para o 2018, editado con fotografías de animais elaboradas por eles como unha actividade na aula. É unha práctica de aprendizaxe máis, e os beneficios que se obteñan coa venda do mesmo están destinados a facilitar a adopción de animais na comarca ferrolá. Xa están case todos distribuídos e vendidos, pero, se alguén está interesado, pode pórse en contacto coa Asociación.
As fotos están realizadas por profesionais tanto do ámbito dos centros hospitalarios como dos centros de saúde, e que pertencen a moi diferentes categorías profesionais e servizos, tanto da administración e xestión, como da clínica e a asistencia.
Seguindo no ámbito da fotografía, subliñar tamén que tres membros dos grupos fotográficos da área sanitaria ferrolá foron premiados no VIII Concurso de Fotografía Cidade de Narón que se dirimía estes días. Das doce fotos finalistas, cinco son de compoñentes destes grupos. Foron un primeiro, un segundo premio, e tres fotos finalistas entre un total de 139 fotografías. O primeiro premio para Juan Casal Mera, coa imaxe Freixeiro Blues; o segundo premio para Javier Rodríguez Fariñas con Casona de San Román, e as finalistas tamén para Javier Rodríguez con Torres da Igrexa de Santa Rita; para Juan Casal, con Ximetría; e para Martina Barcia González, con O Couto entre reixas.
Recollida de Alimentos
Un ano máis, esta asociación deportiva e cultural da área sanitaria ferrolá fai tamén un chamamento á solidariedade, situando contedores para recoller alimentos no Hospital Arquitecto Marcide e no Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Nesta ocasión, os alimentos recollidos irán destinados á Asociación Arraigo, que axuda a persoas en situación de exclusión social. Precísase fundamentalmente café, leite, aceite e conservas.
As e os profesionais da área ferrolá participan activamente en diversos ámbitos que humanizan o seu traballo diario. Xunto con estes talleres fotográficos, desenvólvense as aulas de pintura e de cociña. Esta Asociación de profesionais conta tamén cunha Coral Polifónica. O equipo de fútbol, e as clases de Zumba e de Pilates engaden a nota deportiva.