A A. C. Apelón Educación sinala a profunda contradición «entre o que se di e o que se fai» sobre a antiga escola

A Asociación Cultural Apelón Educación quere expresar ante as declaracións da alcaldesa do Concello de Mugardos sobre a cesión da antigua escola do Apelón que:

«O día 10 de novembro de 2016 a plataforma que deu orixe a esta asociación entregaba no rexistro do concello de Mugardos as sinaturas de 1025 veciños maiores de 16 anos (dos 4638 segundo o censo electoral de xuño de 2016, que representan mais do 20% de dito censo) que pedían que o edificio da antiga escola de Apelón se adicase a biblioteca. Cremos por tanto que está clara a opinión da veciñanza.

Vaia por diante que a Asociación Apelón Educación non ten nada en contra da Garda Civil, que estimamos os servizos que prestan e o bo facer dos seus axentes en Mugardos en condicións moi pouco axeitadas, pero seguimos a reclamar o que os nosos políticos nos prometeran: que o local da escola de Apelón sexa a nosa biblioteca.

Con respecto a isto último a noticia do xornal de hoxe non aporta nada novo: O concello xa hai tempo que asinou o convenio de cesión, faltaba a ratificación por parte das autoridades do goberno central. O concello xa consignou tamén 63.000 euros do orzamento municipal para o acondicionamento das instalacións, cartos que NON pon o ministerio correspondente, como é habitual, senón que os poñemos todos os mugardeses. 63.000 euros que deixamos de investir en cultura, educación ou servizos sociais; servizos, estes si, que, xunto coa saúde, fixan poboación posto que afectan á vida diaria de todos os cidadáns e ademais son competencia directa do concello (se o concello non o fai, ningún outro organismo o fai por el).

Nada novo por tanto, agás a constatación da profunda contradición entre o que se di e o que se fai por parte das forzas chamadas progresistas. Contradición que explicaría o deterioro da súa relación co electorado que deben representar.»

Lea también

Casa Ignacio proclamouse como o mellor petisco do IV Saborea Cerdido

Acadou o galardón ao acadar 847 puntos nunha edición na que participaron máis de 300 …