Un total de dezaséis clubes participarán este sábado, día 25, no “XXV Trofeo de Natación Cidade de Narón. XV Memorial Javier Lago”. O edil de Deportes, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron hoxe o programa deste evento deportivo, que comezará ás 17.30 horas no Complexo polideportivo da Gándara. En total daranse cita neste torneo máis de douscentos deportistas, tal e como indicou o concelleiro de Deportes. Disputarase durante a xornada todo o calendario oficial de probas individuais para finalizar coa substitución de 4×50 libres mixto, según explicou o presidente da AD Náutico de Narón, que agradeceu a colaboración do Concello para organizar un ano máis esta competición.
Este ano participan nesta competición, ademais da AD Náutico de Narón os nlubes de natación Villa de Navia, Avilés e Santa Olaya (os tres de Asturias); O Clube de Natación Xove; o Ciudad de Santiago, CN Arteixo; o CN Cedeira, a AD Fogar; o CN Ferrol; o RCN Rías Baixas; o Club Marina Ferrol; o CN Redondela; o RC Náutico de Vigo; o CN Galaico e o CN Riveira.
O presidente da AD Náutico de Narón apuntou que entre os nadadores máis destacados para a clasificación individual, o “XV Memorial Javier Lago”, atópanse Nerea López e Elena Masa, do Clube de Natación Ferrol; Raquel Fernández, exintegrante da AD Náutico Narón e que nesta tempada compite nun clube de Santiago; Noelia Gómez, de Arteixo ou a asturiana Raquel Pérez, do Villa de Navia, na categoría feminina. No que respecta á masculina están entre os favoritos, según apuntou Guerrero, Enol Valdés (Xove); Berto Pérez, Héctor Padín e Roi Freire (Narón), Igor Arce (Santiago) ou Jorge González (Riveira).
O concelleiro de Deportes, Román Romero, convidou ás veciñas e veciños de Narón e comarca a presenciar este evento deportivo, con entrada de balde, e no que se poderá ver o elevado nivel dos deportistas do clube naronés e tamén do resto de participantes. O edil destacou ademais o feito de que o clube naronés estea a piques de alcanzar os 300 integrantes, contando a día de hoxe con 296.