Ao “IX Concurso de Pintura Cidade de Narón” organizado polo Padroado da Cultura de Narón presentáronse un total de oitenta e dúas obras, tal e como indicou a presidenta do organismo e alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro. Das mesmas, trinta e sete optan a catro premios en metálico e as corenta e cinco restantes enmárcanse na categoría Infantil e Xuvenil.
O prazo de recepción dos traballos rematou o pasado venres, día 10, e o fallo do xurado darase a coñecer o día 23 de novembro, coincidindo cun acto que se celebrará no Pazo da Cultura con motivo do Día de Narón, festividade local. As obras presentadas a esta convocatoria permanecen expostas no Pazo, donde poderán verse ata o vindeiro 23 de novembro, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 de luns a venres e tamén os sábados de 10.00 a 14.00.
Bodegóns, retratos, paisaxes, animais, e construcións, entre outras, son algunhas das temáticas dos cadros deste concurso. Na modalidade de adultos, entre as trinta e sete obras hai varias de pintores de Narón e tamén algunhas de artistas doutros concellos da comarca, como Neda, Ferrol, Ortigueira ou Cariño e tamén doutros puntos da xeografía galega –Betanzos, Cambados, Vigo- e do resto de España –Cantabria, Sevilla, León e Málaga-.
En canto á modalidade Infantil e Xuvenil, atópanse traballos realizados por persoas de entre 3 e 15 anos. Todos eles forman parte da mostra que se pode ver no Pazo, donde tamén están unha obra de Francisco Criado –pintor que foi veciño de San Xiao e que dá nome ao premio honorífico deste certame- e outros cadros galardoados en anteriores edicións, como “Foise”, de Raúl Gil Burés, que o ano pasado obtivo o primeiro premio.
Todos os participantes das categorías infantil e xuvenil, para mozas e mozos ata 15 anos, recibirán un detalle. A maiores, as persoas que concursarán nesta edición na categoría de adultos optan a catro premios en metálico. O primeiro está dotado con 1.500 euros; o segundo con 750; o terceiro con 400 e, a maiores, entregarase o Premio Especial Francisco Criado (incompatible cos anteriores), por importe de 200 euros e que se convoca en recordo a Francisco Criado. As obras dos tres primeiros premios pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura e o gañador non poderá presentarse ás vindeiras dúas edicións deste certame, tendo dereito -a maiores do premio en metálico- a unha exposición de 15 días da súa obra nas instalacións do Pazo.
A presidenta do Padroado da Cultura agradeceu a elevada participación neste concurso e o “interese que desperta ano tras ano entre persoas non só de Narón senón tamén de moi variados puntos da xeografía española”. O vindeiro 23 de novembro Marián Ferreiro, alcaldesa da cidade, presidirá o acto de entrega dos premios deste certame, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.