O Pazo de Cultura de Narón estrea a concha acústica financiada pola Deputación coa II Semana das Músicas no Audiovisual

Un concerto da II Semana das Músicas no Audiovisual inaugurará o vindeiro día 1 de decembro a concha acústica do Auditorio de Narón que a Deputación da Coruña financia con máis de 200.000 mil euros. A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou o investimento que suporá “unha mellora das condicións para a programación musical nun espazo cultural de referencia”.

Un concerto do programa da II Semana das Músicas do Audiovisual inaugurará o vindeiro venres día 1 de decembro a concha acústica do Pazo de Cultura de Narón que se está a instalar estes días nunha infraestrutura cultural de referencia da comarca. A fabricación e instalación da cámara de concertos do auditorio conta cunha achega da Deputación da Coruña de 227.480 €,  80% do total do orzamento que ascende a 284.350 €.

Nestes momentos estase a instalar a concha acústica que é unha mellora imprescindíbel para dar o salto na programación musical do Pazo de Cultura de Narón e, para nós, é moi grato que se produza con este concerto da Orquestra Sinfónica de Galiza no que supón tamén por parte da Deputación da Coruña un esforzo para que unha agrupación musical desta calidade poda actuar noutros concellos da provincia”, sinalou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

 “Trátase dunha instalación que contribuirá a unha mellora substancial dun equipamento cultural que é referencia na comarca e que, a partir de agora, poderá ofrecer en condicións óptimas concertos como o da Orquestra Sinfónica que inaugura esta importante reforma do Pazo de Cultura”, sinalou Goretti Sanmartín na presentación do programa da segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual promovida pola Academia Galega do Audiovisual xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia.

Neste sentido, o xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, Andrés Lacasa agradeceu á Deputación da Coruña a “gran noticia de reinaugurar o auditorio do Pazo de Cultura de Narón coa nova concha acústica” ao tempo que manifestou a súa satisfacción por estar “a ampliar a actividade noutros concellos como agora en Narón ou en xaneiro en Sada e Betanzos nunha iniciativa que non sería posíbel sen o apoio da Deputación da Coruña”.

Pola súa parte, o director técnico do Padroado da Cultura de Narón, Luciano Fernández, agradeceu a participación no festival de música do audiovisual que pon o ramo “a un proceso longo e a un desexo que se fai realidade coa inauguración da concha acústica tan demandada, entre outros, polos propios músicos de Narón que ten unha escola que está a funcionar desde hai máis de trinta anos”. “Inaugurala coa orquestra máis representativa do país para nós é un orgullo polo que queremos dar as grazas á Deputación da Coruña por este instrumento que abre novas posibilidades para chegar a música a nosa cidadanía”, dixo Luciano Fernández.

 O director artístico da Semana das Músicas no Audiovisual, Nani García, apuntou precisamente que o concerto de Narón será unha das principais actividades do programa ao ter unha presenza singular os compositores galegos do audiovisual como Manu Ribeiro, Xavi Font, Arturo Kress ou o propio Nani García ademais do compositor estatal Fernando Velázquez, un dos máis prestixiosos dos que están en activo.

 A SEMUA17 desenvovlerase entre o 27 de novembro e 1 de decembro na Coruña, Compostela e Narón, como anunciou o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares nunha presentación na que tamén participou o concelleiro de Culturas da Coruña, Xosé Manuel Sande. Obradoiros e masterclass para profesionais, encontros con compositores e o concertó de peche que a Orquestra Sinfónica de Galicia en Narón compoñen o programa dun evento que chega a súa segunda edición.

 

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …