Presentadas en Narón as modificacións ás ordenanzas fiscais do 2018 con nova baixada do coeficiente do IBI

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, presentaron as modificacións ás ordenanzas fiscais, que entrarán en vigor o vindeiro ano. Entre as máis representativas, tal e como indicaron os representantes do goberno local, está a baixada do coeficiente do Imposto de Bens Inmobles (IBI) aplicable aos de natureza urbana, que quedará nun 0,62%.

Ferreiro destacou que esta é a segunda rebaixa deste imposto no último ano, tras reducilo do 0,66 ao 0,65 o pasado mes de outubro e incidiu en que a medida responde “ao compromiso do goberno local de reducir progresivamente, tal e como estamos facendo e dentro das posibilidades da administración local, este imposto á veciñanza do concello”.

Así mesmo, inclúese unha nova ordenanza, pasando a número 26, que regula a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos.

Outro dos cambios realizarase sobre a ordenanza fiscal número 4, que regula o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Neste caso, tal e como indicou Villamar, no apartado de bonificacións engadirase unha nova na cota do imposto, en función das características dos motores, a clase de combustible e a incidencia da combustión no medio ambiente. Con respecto a esta ordenanza bonificarase nun 75% aos vehículos non contaminantes. A este respecto Villamar indicou que “desde o goberno local continuaremos apostando pola humanización da cidade, ofrecendo unha serie de medidas que apoien e consoliden diferentes propostas para reducir o uso dos vehículos na medida do posible”.

En canto ao Servizo Sociocomunitario, amplíase a duración das quendas do programa ConciliaEscola, que se organiza coincidindo con períodos de vacacións escolares dos rapaces e rapazas, e adáptanse as taxas estipuladas a eses cambios no servizo. As novas quendas pasarán a ser de quince días de duranción, en lugar dunha semana como viñan sendo ata o de agora, tal e como indicaron desde o goberno local.

A alcaldesa e o edil de Xestión Orzamentaria recordaron que o resto de taxas municipais permanecerán conxeladas, manténdose así a liña dos últimos anos no Concello naronés. “Continuaremos traballando por reducir a presión fiscal entre a cidadanía, conscientes de que é preciso abonar as taxas correspondentes para poder prestar servizos pero tendo tamén moi en conta as dificultades derivadas da crise económica”, indicou Ferreiro.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …