O Concello de Fene adxudica as obras das Pías en 244.600 euros

As Pías – Concello de Fene

A mesa de contratación do Concello de Fene acaba de resolver provisionalmente a adxudicación dos traballos de reurbanización da marxe dereita da Avenida das Pías, dos que se encargará Ogmios Proyecto Construcción S.L. O importe ofertado pola empresa de Culleredo ascende a 244.601’50€, ive incluído, e o prazo de execución fixouse en 60 días. As obras -sufragadas con cargo ao PAS 2015- consistirán na renovación completa das beiravías e os servizos desde a saída da rotonda de Astano ata o cruzamento de Fene, co obxectivo de facer a zona máis segura e accesible.

Este proxecto vén completar a reparación e a mellora da accesibilidade en toda a avenida tralos traballos acometidos con anterioridade na beira norte. As obras non serán un simple lavado de cara, senón que tamén se ocuparán de infraestruturas soterradas De feito, o plan de traballo contempla a renovacón das redes de abastecemento de auga que discorren pola marxe sur da estrada FE-14, posto que teñen unha antigüidade superior a 40 anos e son foco habitual de roturas e fugas.

As novas tubaxes instalaranse nun entramado de preto dun quilómetro, incluíndo os ramais para abastecer as acometidas domiciliarias existentes, e estarán realizadas en fundición e polietileno. As augas derivaranse cara un novo colector de saneamento, que se situará na marxe dereita da avenida. Ademais tamén se aplicará unha impermeabilización asfáltica bicapa nas cubertas dos sotos, co obxectivo de evitar futuras humidades.

Porén, alén da infraestrutura hidráulica, a segunda parte do proxecto tamén se centra na accesibilidade renovando as beirarrúas nesta banda da avenida que quedaba pendente. Neste apartado o deseño técnico inclúe a colocación dun novo enlousado ao longo de todo o trazado obxecto da actuación onde, ademais, se construirán rebaixas para persoas con mobilidade reducida.

Por outra banda, nos planos tamén aparece a mellora do acceso peonil á igrexa de Perlío desde a avenida das Pías. O resto dos pavimentos afectados polas obras reporanse con rego asfáltico e aplicarase pintura específica con textura antideslizante nos pasos peonís.

As obras que agora teñen por fin luz verde acumularon varios meses de retraso pola complexidade técnica de estudar e valorar toda a documentación presentada polas 27 empresas concursantes e, máis que nada, porque o Concello houbo de agardar pola autorización de ADIF antes incluso de iniciar a licitación, posto que o proxecto lle afecta ao viaduto que sortea a liña férrea e a rúa Tellerías.

A este respecto, o alcalde sinala que «foi un proceso longo e traballoso desde o punto de vista técnico«. Juventino Trigo sinala que se trata «dunha obra de grande envergadura» que abrangue cerca de medio quilómetro de beiravías «que se repararán totalmente sustituíndo ademais todas as canalizacións de subministración e drenaxe. Algo que se deberá levar adiante no menor tempo posible, coa máxima calidade e causándolles as mínimas molestias posibles aos peóns e á veciñanza«.

O contrato das obras saiu a concurso no mes de marzo cun prezo de partida de 293.504,35 euros (355.140,26 ive incluído) que tralo proceso de licitación quedou nos 244.601,50€ -ive incluído- propostos por Ogmios Proyecto Construcción S.L. A empresa con sede en Culleredo presentou na súa oferta un prazo máximo de execución de 60 días. O importe custearase con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …