Integrantes da corporación local de Narón homenaxearán esta tarde ao cura Evaristo Lorenzo Orol, falecido o ano pasado e que exerceu durante varios anos nas parroquias de San Mateo de Trasancos, Santa Icía, San Martiño do Couto e Santiago Apóstol. En virtude ao cumprimento dunha declaración institucional que se levou ao pleno do pasado mes de abril, esta tarde, ás 18.00 horas, colocarase unha placa conmemorativa para dar o seu nome ao parque localizado na rúa da Paz, nas inmediacións das Vivendas do Bispo, na Gándara. Ao acto asistirán, entre outros representantes da corporación local, a primeira tenente de alcalde, Marián Ferreiro.
A Asociación de Veciños da Gándara, Cáritas da parroquia e a asociación Narón Amigos del Arte foron os impulsores desta iniciativa, respaldada pola corporación local naronesa. Con este acto, desde o Concello apóstase por destacar a figura de Evaristo Lorenzo Orol e tamén a súa labor nas parroquias naronesas durante 26 anos.
Lorenzo Orol, natural de San Xiao de Recaré (Valodouro), que tamén exerceu como mestre, foi homenaxeado pola comunidade parroquial de Santiago Apóstol da Gándara tralo seu falecemento. O párroco recibirá esta tarde un novo recoñecemento ao que está prevista a asistencia de integrantes da corporación local e tamén de veciñas e veciños de Narón.