Pleno rápido o deste sábado 2 de setenbro, onde se debateron 10 puntos en escasos 51 minutos. Non houbo ningún voto contrario, senón os esperables votos favorables do grupo de goberno e varias abstencións tanto do PP como do PSOE que, porén, tamén apoiaron algunhas das cuestións. En concreto, o PP aliñouse coas teses do goberno na votación do inventario de bens municipais e na aprobación do novo regulamento polo que se rexerá o abastecemento de auga. Pola súa banda, o PSOE -que estreaba a Yolanda Vázquez Pazos como portavoz- posicionouse a favor no relativo á proposta de que a tesouraría municipal sexa asumida de agora en diante polo Secretario-Interventor e, igual que o grupo popular, no tema da implantación total da facturación electrónica no Concello que, porén, non lle será de aplicación aos pequenos negocios autónomos.
Yolanda Vázquez tomou posesión optando pola fórmula do “prometo” e asistiu a unha sesión de aterraxe collendo o relevo do anterior portavoz, Eduardo Lourido, quen renunciou ao cargo antes do verán por motivos persoais. Recoñecendo non estar habituada á dinámica plenaria e por descoñecer en profundidade o contido dos temas -antes de tomar posesión non se pode formar parte das comisións-, Vázquez optou por absterse na maioría dos puntos.
Ademais da concelleira electa do PSdeG-PSOE, na sesión tamén se chamou para que tomase posesión á edila do PP Cristina Calvo Tuimil -a terceira vez desde maio- sen que esta se atopase na sala. Segundo parece, Calvo encóntrase traballando no estranxeiro e, tal e como aclarou o portavoz popular, Manuel Romero, non ocupará o seu escano mentres non remate o seu contrato e estea de volta en San Sadurniño.
Tras esta cuestión entrouse no debate das cuestións administrativas. A primeira foi a da aprobación inicial do inventario de bens municipais trala exposición oficiosa dos últimos meses para detectar posibles erros e cuestións que se debían corrixir. Unha delas foi a da renumeración de varias vías públicas que, tras ser subsanada, se incorporou ao texto que onte pasou polo pleno, aprobado por BNG e PP. Tan pronto como se publique no BOP haberá un período de 45 días naturais para presentar alegacións formais ao seu contido.
O seguinte asunto, tamén de trámite, centrouse na asignación do posto de tesoureiro municipal ao Secretario-Interventor municipal, en cumprimento da normativa estatal que obrigaría aos municipios de menos de 5.000 habitantes a que esa función a desempeñe persoal con habilitación nacional. BNG e PSOE déronlle o visto e prace e o PP abstívose.
Onde houbo unanimidade foi na modificación dun acordo plenario anterior sobre a implantación da factura electrónica no Concello. A modificación consistiu en que, a partir do 1 de novembro deste ano, deberán utilizar esta fórmula de rexistro as sociedades, persoas xurídicas, unións temporais de empresas, agrupacións de interese económico e, en xeral, as fórmulas distintas dos pequenos autónomos, que poderán seguir presentando as súas facturas en papel sempre e cando o importe sexa inferior aos 5.000 euros.
Trala aprobación deste punto, o pleno abordou unha modificación da distribución dos fondos do orzamento municipal, para pasar 45.000 euros do apartado de gasto corrente ao capítulo 6 de investimentos. Con esta partida asumirase a merca de colectores do lixo, a instalación de bases de madeira para colectores no colexio e na área recreativa de Currás, a substitución do chan na pista multixogos do CPI, a instalación dun porteiro automático e a sinalización do Centro Municipal de Empresas, a merca dun detector de fugas de auga, a reforma da Casa do Concello para habilitar unha nova oficina e unha pequena contía para o pagamento de facturas eléctricas. Este asunto só obtivo o apoio do grupo de goberno, mentres que PP e PSOE se abstiveron.
O punto -os puntos, mellor dito- que máis debate xeraron foron os relativos á aprobación do regulamento da subministración de auga potable e a conseguinte modificación das ordenanzas fiscais reguladoras tanto desta como da referida á rede de sumidoiros. O regulamento vén substituír un documento de carácter interno datado no 1974 e consta de 11 capítulos, 44 artigos e dúas disposicións adicionais. Con el preténdese adaptar a normativa local sobre a auga á autonómica e, ademais, definir un marco para a prestación do servizo con garantías de calidade, recollendo as obrigas e dereitos tanto da administración local como prestadora como dos usuarios e usuarias do servizo.
O regulamento aprobouse cos votos a favor de BNG e PP que, porén, optou pola abstención no debate seguinte, o da modificación das ordenanzas reguladoras das taxas polo abastecemento de auga potable e da rede de sumidoiros, establecidos en dous textos que se votaron conxuntamente. A modificación non supón incremento nos prezos en ningún dos dous casos, aínda que si se introducen novas circunstancias, como a posibilidade de que sexa o Concello quen se encargue do mantemento dos contadores da auga ou a de que calquera persoa poida levar á depuradora municipal os resíduos extraídos dunha foxa doméstica.
O Secretario Municipal interviu para sinalar que as ordenanzas non contaban co seu informe favorable xa que, segundo puntualizou, os prezos recollidos non darían para cubrir os custes do servizo, tal e como esixe a normativa estatal e sustentabilidade económica. Un argumento ao que se agarrou o grupo popular para engadirlle que, a xuízo deste grupo, o Concello non estaría prestando o servizo como debera, aludindo a que no período dun ano os custes en reparacións chegaron aos 24.000 euros.
O grupo de goberno aclarou, sen embargo, que neste momento “non é tempo de incrementar taxas” e que aínda asumindo que o que se cobra polo abastecemento non cubre custes, “tampouco é o servizo máis caro de manter”. O executivo local aclarou ademais que o novo regulamento permitirá facer unha xestión máis eficiente do abastecemento e, en consecuencia, mellorar a cobertura económica dos seus custes.
Antes de finalizar a sesión, o PP introduciu un rogo para que se tome algunha medida para regular a velocidade do tráfico na estrada de Ferreira, en concreto desde a rotonda do Outeiro até a ponte sobre o Xuvia. Unha petición que, segundo Suso Soto, xa se puxo en coñecemento da Deputación da Coruña, titular deste eixo viario. No apartado de preguntas Manuel Romero tamén interrogou ao executivo local sobre os usos que se lle estaban dando á antiga caseta da renfe situada preto da estación de Silvalonga, actualmente utilizada polo Concello e pola asociación Os Picos do Sol como almacén. Por último, a edila do PP, María Belén Trigo, tamén suxeriu que o suposto incumprimento da normativa de seguridade en eventos como a Feira Rural ou o Sons na Cortiña. Un extremo negado polo alcalde, quen convidou á concelleira a que aclarase con que aspectos concretos non se estaría cumprindo.
No tempo reservado ao público, houbo dúas cuestións referidas á situación do extesoureiro municipal, sobre o funcionamento da lei da dependencia en San Sadurniño e un debate a conta da sostenibilidade económica dos entes locais entre o antigo concelleiro socialista Pepe Grandal e o alcalde.