Un total de 452 persoas maiores de Narón participarán este ano nos cursos dirixidos ao colectivo dentro do programa municipal de Envellecemento Activo. Así o anunciou a edil de Promoción Social, Teresa Sabio, que destacou a elevada participación que rexistran estas convocatorias que se desenvolven en centros comunitarios e cívicos sociais de todos os barrios da localidade. Ximnasia rehabilitadora, Ioga, Memoria, Apoio á informática, Labores, Curso de Comunicación, Obradoiro de lectura e escritura, Canto Coral e Cancións de animación son as accións ofertadas a todos os locais sociais e centros de maiores da cidade desde o Concello naronés, tal e como recordou Sabio.
Mañá iniciaranse estes cursos –que rematarán o 29 de xuño de 2018-, concretamente o de Comunicación, no Centro Comunitario Integrado de Atención ás Persoas Maiores Manuela Pérez Sequeiros. A sesión dará comezo ás 11.00 horas e enmárcase entre as ofertadas de balde á cidadanía, ao igual que as de Labores (os mércores ás 16.00), o Obradoiro de lectura e escritura (os martes ás 11.30), Apoio á informática (martes, mércores, xoves e venres ás 9.30 e ás 10.30), Canto Coral (os martes e xoves ás 16.00) e Cancións de Animación (martes ás 16.30), que se desenvolverán nas citadas instalacións a partir da vindeira semana.
Así mesmo, impartiranse –abonando as tarifas estipuladas na pertinente ordenanza fiscal- clases de Ximnasia rehabilitadora, Ioga, e Memoria no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e, nalgúns casos, nas Vivendas da Mariña e en locais sociais das zonas urbana e rural, tal e como explicou Sabio. Entre estes últimos solicitáronse actividades nos de Virxe do Mar, San Mateo (comezarán a actividade no mes de outubro), Piñeiros, O Alto, Freixeiro, Xuvia, A Solaina, Sedes, Ferrerías, San Xiao, Castro e O Val. No caso da parroquia de Pedroso, a edil naronesa agradeceu especificamente a colaboración da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, que cederá temporalmente as súas instalacións para que se impartan alí as actividades.
“As veciñas e os veciños de Narón elixen cada ano, dentro da oferta dispoñible, as súas preferencias, e despois, en función da posibilidade de formar grupos cun mínimo de integrantes, convócanse nos diferentes locais”, explicou Teresa Sabio. A concelleira de Promoción Social agradeceu a implicación da veciñanza tanto da zona urbana como rural no programa municipal de Envellecemento Activo “que conta cada ano con centos de homes e mulleres nas súas actividades”.