A Concellería de Deportes de Valdoviño informou esta mañá da apertura do prazo de inscrición nas clases de ioga para persoas adultas. Unha actividade que permite mellorar a saúde de quenes a practican grazas ós seus múltiples beneficios físicos e mentais.
A intención do concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, é arrancar as sesións o luns, 11 de setembro, e avanza xa que, como novidade, haberá tamén un turno de mañá. As clases celebraranse nas instalacións da Casa da Cultura, os luns e os mércores, en sesións de 90 minutos, de 20,30 a 22 horas. E, de reunir un número mínimo de participantes, polas mañás o horario será de 10 a 11,30 h tamén luns e mércores.
A actividade está dirixida a persoas adultas e o prazo de inscrición está aberto no departamento municipal de Deportes –na casa consistorial, en horario de 9,30 a 13,30 horas de luns a venres- ou ben chamando ó teléfono 626 46 5531. Pechará o 6 de setembro ás 13,30 h. O custe mensual da actividade é de 12,54 euros. Hai prazas limitadas para as persoas que non estén empadroadas no municipio.