A cativería de San Sadurniño gradúase en natación

Foto de familia dos graduados – Concello de San Sadurniño

35 nenos e nenas que participaron nos cursos de natación da piscina municipal despediron esta mañá o verán cunha festa na que tiveron auga por partida dobre: a da propia piscina e a do orballo que caeu mentres se bañaban. Non lles importou, a molladura ían collela de todas maneiras e por iso se entregaron ao xogo acuático coma calquera outro día, indiferentes á ausencia do sol e da súa calor. Unha teimosía natatoría que tivo recompensa ao final da mañá cunha mesa repleta de petiscos e bebidas e un diploma acreditativo de todo canto aprenderon nas últimas semanas.

Nos cursos ofrecidos este ano polo Concello inscribíronse preto de 60 nenos e nenas entre os 3 e os 14 anos de idade, unha cifra que obrigou a repartir a rapazada en catro grupos e ampliar o horario global da actividade para darlle acomodo á demanda.

As sesións desenvolvéronse os luns, mércores e venres polas mañás, concibidas como algo a medio camiño entre o xogo e a aprendizaxe. O grupo de perfeccionamento traballou sobre a respiración e a práctica de estilos tan complexos como a bolboreta, aínda que tamén tiveron tempo para brincaren na auga.

No caso da iniciación houbo que facer tres quendas por idades -7 a 12 anos, 5 a 7 e 3 a 4 anos- e a actividade centrouse en conseguir que os nenos e nenas lle fosen perdendo o medo á auga pouco a pouco para, ao final do curso, ter autonomía total sen a axuda dos monitores. O traballo deu resultado e hoxe practicamente todos e todas se meteron na auga por si, nadando na súa maioría con total soltura e mesmo sen flotadores ou manguitos.

Por ser un día de despedida do curso foi tamén un día especial no que se instalou un castelo inchable con dous tobogáns que desembocaban na auga. Por alí pasaron todos e todas unha chea de veces ata baldárense, antes de repoñer forzas cos petiscos e lambetadas que agardaban fóra.

Tan pronto como deron conta do que había na mesa, un dos monitores da empresa SEDEGA -xestora do vaso e dos cursos- e maila concelleira de Cultura e Deportes, Sabela Cinza, entregáronlles cadanseu diploma e un pequeno agasallo.

Dúas semanas máis de piscina

Aínda que os cursos remataron hoxe, o verán continúa. Semella que a partir deste xoves mellora o tempo e volveremos ter sol e boas temperaturas para continuar gozando da piscina. As instalacións estarán abertas até o 17 de setembro entre as 15 e as 21.00h. pola semana e de 12 a 21.00h. durante a fin de semana.

Lea también

Cariño conmemora el 25N con actividades varias

El Concello de Cariño conmemorará el 25N, Día Internacional para la Eliminación de la Violencia …