“Vive o Camiño” trae este domingo a Cabanas o espectáculo de circo e clown “Dous no Camiño” con Fran Rei e Isabel Risco

Cartel do evento – Xunta de Galicia

O programa cultural «Vive o Camiño» continúa avanzando polo Camiño Inglés e, este domingo, chegará a Cabanas. No parque do Areal, e a partir das 20 horas, Fran Rei e Isabel Risco ofrecerán o seu espectáculo de circo e clown “Dous no Camiño”.

Dirixido por Avelino González, con texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte, esta montaxe foi creada especificamente para a programación do Xacobeo “Vive o Camiño 2017”. O director, Avelino González, ten longa experiencia tanto nas artes escénicas como no cine e na televisión, actuando ou dirixindo. Así mesmo, Fran Rei e Isabel Risco son moi coñecidos polas producións teatrais nas que participaron e tamén polas súas intervencións televisivas no Luar, en Land Rober, no programa Air Galicia…

Nesta montaxe amosan a dous peregrinos que se atopan no Camiño. Atanasio e Teodoro son dous discípulos de Santiago Apóstolo que levaran os seus restos a Compostela, e despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos andan algo perdidos, por un lado sorprendidos con todas as modernidades que van atopando, pero por outra banda descubrindo que o esencial do Camiño, a natureza, as paisaxes incribles, e algúns monumentos, non cambiaron desde aquela. Na procura da ruta, interactuarán co público que vaian atopando no seu percorrido.

O programa

“Vive o Camiño” é unha iniciativa de promoción e dinamización do Camiño Inglés da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta que está a encher de música e teatro as rúas e prazas dos 18 concellos que forman parte deste itinerario xacobeo na provincia da Coruña.

Este programa cultural serve así como vehículo de transmisión dos valores xacobeos, tanto entre os peregrinos como entre os galegos en xeral. Ambos poden gozar de balde de “Vive o Camiño”, o que servirá para pór en valor o Camiño Inglés, unha ruta á alza que no que vai de ano foi xa percorrida por 7.600 persoas, o que a converte na quinta máis elixida.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …