O Boletín Oficial da Provincia publica na súa edición de hoxe o listado provisional de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para a cobertura dunha praza administrativa en rexime de interinidade. Segundo esta lista, o Concello de San Sadurniño recibiu 24 solicitudes de participación no concurso oposición das que, finalmente, foron excluídas 5. Iso si, trátase dunha resolución provisional contra a que se poderán presentar reclamacións ata o día 31 de agosto. Polo momento non hai fixadas datas nin horas para a realización das probas, das que tamén se informará puntualmente a través da web e das redes sociais municipais. Todos os datos sobre o proceso encóntranse nesta ligazón, que inclúe os anuncios publicados nos diarios oficiais, as bases e tamén os temarios nos que se basearán as probas.
Así, na fase de concurso valoraranse os méritos con ata 40 puntos. Entre eles teranse en conta os servizos prestados na administración local en postos de igual ou similar natureza (20 puntos como máximo) e os que se prestasen na empresa privada facendo tarefas semellantes (máximo 10 puntos). Tamén se valorará a formación: ata 5 puntos por cursos oficiais sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias do posto de traballo convocado e outros 5 como máximo por ter titulación superior á esixida na convocatoria.
A fase de oposición ten un tope de 60 puntos e estará composta por tres exercicios e o cuarto -que non puntúa- sobre coñecemento do galego para quen non o acreditase previamente.
O primeiro exercicio será un cuestionario tipo test con 50 preguntas sobre o temario -máis 5 de reserva- que deberán responderse nun máximo de 60 minutos. Este exercicio dará ata 20 puntos e será eliminatorio se non se alcanzan os 10.
A segunda proba do proceso consistirá en desenvolver por escrito un máximo de 10 preguntas curtas sobre a parte específica do temario que despois deberán expórselle ao Tribunal. Durará tamén 60 minutos, poderán obterse ata 20 puntos e quedarán fóra as persoas que non consigan 10 como mínimo.
O terceiro dos exames da oposición centrarase na resolución por escrito e posterior exposición dun máximo de 3 supostos prácticos referidos ao posto. A duración do exercicio será de 90 minutos, a puntuación máxima será de 20 puntos e tamén será eliminatorio para quen non chegue aos 10.
O Tribunal estará composto por unha persoa na presidencia que deberá ser funcionaria de carreira pertencente a un corpo ou escala que esixa para acceder a ela unha titulación igual ou superior á convocada, por tres vocalías cos mesmos requisitos e por unha persoa na secretaría que deberá ser funcionaria con habilitación de carácter estatal ou quen legalmente a substitúa.
En total recibíronse 24 solicitudes de participación neste proceso das que foron excluídas 5, na súa maior parte por non presentar a documentación correctamente. Agora ábrese un período de 5 días hábiles -ata o 31 de agosto- para presentar alegacións á resolución de admisións e exclusións.