O Boletín Oficial da Provincia publica este mércores a licitación de seis dos trece proxectos que financiará o Plan Único en Narón. A Deputación da Coruña destina un total de 543.000 euros a estas obras, que inclúen a pavimentación e melloras en viais municipais, reformas nos locais sociais de San Mateo e Doso e a habilitación dun almacén no Centro de Formación Irmáns Froilaz.
O novo plan provincial achega máis de 1,8 millóns de euros ao Concello de Narón para o ano 2017, unha das maiores achegas de toda a provincia. Xunto coas trece obras investimentos, o Plan Único tamén aporta 791.342 euros ao gasto corrente municipal e 101.426 € á redución de débeda con entidades bancarias, contribuíndo así ao saneamento das contas municipais.
Ademais das obras que xa están en proceso de licitación, a través do Plan Único tamén se crearán ou reforman parques infantís e zonas verdes do concello, instalarase unha aplicación para automatizar procedementos administrativos e renovaranse os equipamentos informáticos do Centro de Formación.
Espazo de almacén e oficinas para o Centro de Formación
O Centro de Formación Irmáns Froilaz, situado no polígono de A Gándara, alberga numerosos cursos e actividades formativas en materias coma a albanelería, a carpintaría ou a caldeiraría. Actividades que fan necesario un espazo de almacén de materiais e equipos do que actualmente carecen as instalacións.
Por este motivo, acometerase unha reforma para reconverter o espazo de 715 metros cadrados actualmente ocupado por unha cuberta metálica, pensada para albergar actividades ai aire libre pero que se atopa infrautilizada.
O proxecto financiado pola Deputación cun orzamento total de 142.019 euros, contempla a pavimentación deste espazo, para posteriormente construír o novo almacén, que contará cun espazo de 54m2 para oficina, sala de reunións e dous aseos, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida. A zona de almacenamento dotarase dun portal de acceso de camións de 4,5 por 5 metros, en aceiro galvanizado.
Locais Sociais de San Mateo e Doso e senda en Pedroso
Este mércores tamén sae a licitación, por un importe de 50.504 euros, un proxecto para mellorar dous locais sociais e crear unha senda peonil en Pedroso.
No local social de San Mateo, proxéctase a reforma dos aseos para conseguir que un deles sexa accesible para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, acondicionarase un espazo de 15 metros cadrados para actividades de ocio e reunións dos veciños, que contará cunha pequena cociña e un mostrador de atención aos usuarios.
En canto ao local social de Doso, que non foi reformado dende hai 14 anos, acometeranse labores de mantemento como a reparación de gretas, goteiras ou faltas en revestimentos. Posteriormente pintaranse tanto as paredes interiores coma a exteriores.
A nova beiravía que se creará en Pedroso servirá para conectar o núcleo de poboación coa área recreativa do Muiño, incrementando así a seguridade dos viandantes e do tráfico que discorre polo vial. A senda peonil terá unha lonxitude de dous quilómetros e un ancho de 1,50 metros, realizada con soleira de formigón e unha capa de zahorra.
Repavimentacións e ampliación das beiravías
Gran parte dos investimentos do Plan Único destinaranse a mellorar o estado de conservación dos viarios e beiravías municipais de diversos núcleos e parroquias do concello de Narón.
O proxecto de maior envergadura, que conta cun orzamento de 138.657 euros, consistirá na reparación dos camiños de Furado e A Costa (Doso), Verruga (San Xiao), A Fraga (San Xiao), Sequeiro (San Xiao) e Camiño da Lebre (Piñeiros). As obras consistirán la limpeza das cunetas e os noiros, a roza da maleza e a vexetación existente nos bordos e o acondicionamento do firme.
Posteriormente, nos viais de Verruga, Fraga e Camiño da Lebre, repararanse as fochas e as mordentes, e afirmaranse con zahorra os bordos para amplialos. Paralelamente, reforzarase o pavimento, incluíndo o varrido da superficie, o rebacheo,o repaso das laterais e e aplicación de aglomerando en quente de cinco centímetros de espesor naqueles tramos onde sexa necesario. Completaranse as obras co repintado das sinalizacións e as liñas de bordes.
Doutra banda, outro proxecto dotado con 132.339 euros afectará aos camiños de Martiño-Placete, Villallonte, Feira e A Rocha, todos eles na parroquia de Sedes, e Portela-Piñeiros, Preirruga e Castro da Hermida na parroquia de Pedroso. Tratase de viais que foron pavimentados fai máis de 15 anos, polo que presentan diversas carencias no firme, que se solucionarán coa reposición do tratamento superficial asfáltico e a aplicación dun pavimento de aglomerado en quente de 6 centímetros de espesor.
Así mesmo, acometeranse outras melloras coma a limpeza de cunetas e noiros e o recrecemento das beiravías para dotalas dun ancho maior e un trazado uniforme e regular.
Reformas similares tamén se acometerán nos camiños de Pedreira e Santa Margarida, O Val, Camiño do Lodario e A Picota, en O Couto. Neste caso, as reformas están dotadas cun orzamento de 130.103 euros.
Por último, os camiños interiores de Agrande, Penda de Embade, Nelle e A Mata en Castro, e Viñas-Igrexa, Vacariza e Leiras-Pena en San Mateo, serán obxecto de obras de renovación da capa de rodadura e o reforzo do pavimento, así coma a ampliación das zonas máis estreitas. Os traballos tamén incluirán o arranxo dos baches, a limpeza das cunetas, a roza da maleza e vexetación nos bordos e o rebaixe das beiravías.
Lástima que en Narón solo inviertan otras administraciones… no sé para que pagamos tantos impuestos