Esta mañá nunha rolda de prensa conxunta o concelleiro de Deportes Suso Basterrechea presentou dos eventos deportivos que terán lugar nas vindeiras semanas deste mesmo mes de agosto na nosa cidade.
Por unha banda presentou a XXVIII da Travesía a nado Abelardo López, que terá lugar o vindeiro domingo 20 de agosto con saída do Arsenal de Ferrol ás 13.00 h. Contará con tres tipos de categorías, A de 2000 metros, a categoría B de 1 000 mts e a C 500 mts que é o percorrido popular para nenos e tamén aqueles pais que queiran acompañar aos seus fillos.
O concelleiro de deportes destacou a “gran tradición do deporte da natación e os éxitos que deu a cidade da man do propio Club Marina Ferrol” . Pola súa parte o presidente do Club Marina Ferrol Fernando Bustabad destacou que “este é o quinto ano de colaboración entre o Club de Marina Ferrol e o Concello de Ferrol” e engadiu o seu “agradecemento coas autoridades militares que permiten a saída do arsenal militar que presenta unhas mellores condicións das augas ademáis de que os nadadores están nun entorno máis recollido para eles, sobre todo para os máis novos.”
Na mesma rolda de prensa contaron coa presenza da filla de Abelardo López, Elisa López que destacou a figura do seu pai “como un pioneiro deste deporte” e agradeceu de novo a “implicación da concellería de Deportes e do club Marina Ferrol para levar a cabo esta homenaxe”.
As inscricións son de balde e podense facer a través do enderezo clubmarinaferrol@gmail.com e teñen como data límite o 17 de agosto, aínda que como ben sinalou o propio presidente do Club Marina Ferrol “hai posibilidades de ampliar o plazo uns días”.
Por outra banda tamén foi presentada a VI Carreira Nocturna: Corre por Ferrol, que conta con entre outros patrocinadores coa empresa Coca- Cola e Gadisa. Esta edición terá lugar en datas das propias festas de Ferrol permitindo combinar, como ben dixo o propio Concelleiro de Deportes “as festas co deporte”, e destacou que é unha carreira que transcorre “polo centro da nosa cidade especialmente polo barrio da Magdalena e Ferrol Vello e que ano tras ano conta cun alto índice de participación.”
Pola súa banda Gema Domínguez a representante da empresa Coca Cola sinalou que “aínda que Coca Cola é unha empresa global, sempre está disposta a colaborar para dinamizar especialmente o deporte local”.
Esta carreira terá lugar o día 26 de agosto e dará comezo ás 20.00 h cando será a quenda das categoría menores e xa ás 21.00 horas será a saída das categorías absolutas, dende a Praza de Armas. A inscrición é de balde e ten como prazo límite o 23 de agosto a través da páxina www.atletismogalego.org. Esta carreira pertence ao V Circuito de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.