Presentado o Trofeo de Futbol afeccionado Cidade de Narón

Sociedade Deportiva O Val e Club de Fútbol Estrella disputarán este sábado ás 19.00 horas en Sinde a primeira semifinal do Trofeo de Fútbol afeccionado Cidade de Narón que este ano alcanza a súa trixésimo quinta edición e cuxo programa foi presentado na mañá deste venres polo concelleiro de Deportes, Román Romero, e os presidentes dos catro equipos participantes.

O edil asegurou que era “unha satisfacción” poder organizar novamente un dos eventos deportivos senlleiros do concello e darlle continuidade este verán despois de recuperalo o ano pasado logo dun lustro sen celebrarse. “É tamén un pracer poder contar cos catro clubes do concello, coa excepción do Freixo que, como sabedes, non ten aínda equipo nesa categoría”, dixo.

A segunda semifinal do torneo disputarase o mércores, 16 de agosto, ás 20.00 horas, no campo de fútbol do San Mateo, e medirá o equipo anfitrión co Club Deportivo Narón. A derradeira xornada será o sábado, nesta ocasión no estadio municipal de Río Seco. Ás 18.00 horas xogarán polo terceiro posto os perdedores de ámbalas dúas semifinais e ás 20.00 horas disputarase a final.

O concelleiro de Deportes, que estivo acompañado polos presidentes dos clubes participantes (Antonio López, da SD O Val; Nicolás Manso, do San Mateo; Alberto Pena, do Estrella, e Juan Ramos, do CD Narón) animou á veciñanza de Narón e comarca a asistir aos encontros e lembrou que a entrada é de balde.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …