Inés Santiago, Camila Alonso e Carmen Gómez veñen de ser convocadas pola federación española para competir no Europeo sub-23 que se celebrará en agosto. Desta forma, tres das catro seleccionadas compiten coas cores do Triatlón Ferrol.
Con citas internacionais e o campionato de España de tríatlon entre medias, Inés Santiago chegará nun espléndido estado de forma, mentres que Camila Alonso (xa nadando despois da súa lesión de ombreiro) e Carmen Gómez apuran a recuperación para continuar coas súas temporadas.
“Queda demostrado que as mellores triatletas de España son ferrolás ou compiten co noso equipo. Sentimos que probas do nivel do Europeo sub-23 coincidan co noso XVII Tríatlon Cidade de Ferrol para poder velas competir na casa pero a súa progresión internacional é imparable”, recoñece o presidente do club, Cali Formoso.
A cita continental celebrarase o sábado 5 de agosto a nivel individual e o domingo 6, cos relevos mixtos, nova modalidade olímpica en Toquio 2020.