O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e a concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, Saínza Ruiz, mantiveron este mediodía unha xuntanza coa Asociación Secretariado Xitano no despacho do rexedor encamiñada a posta en marcha dun programa de inclusión e economía social que loita contra o abandono da escolarización neste colectivo e abre alternativas para a integración no mercado laboral.
Este programa, expuxo Ruiz, xa está en marcha noutras grandes cidades galegas e estaría, no caso de Ferrol, íntimamente ligado aos CEIP de San Xoán de Filgueira e CEIP Recimil, cunha maior porcentaxe de alumnado en risco de exclusión social.
“Pretende crear referentes na mocidade e tratar de poñer de exemplo aquelas persoas que remataron os seus estudios e van rachando moldes e avanzando na inclusión a través do emprego”, resumía.
CATRO PERSOAS CON DEFICIENCIAS AUDITIVAS NA CUADRILLA DE REFORZO ESTIVAL DE URBASER
Doutra banda, o Concello de Ferrol, a través de Urbaser ven de incorporar a cuadrilla de traballo de reforzo estival a catro persoas con deficiencias auditivas que xa se incorporaron ao traballo, fundamentalmente nas fins de semana e días festivos cun contrato temporal de tres meses. Esto foi posible gracias a mediación e a implicación do servizo de orientación da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG), no procura da igualdade e da inclusión, botando abaixo as barreiras.