A “XIX Festa Gastronómica do Pemento do Couto” desenvolverase os días 15 e 16 de xullo na parroquia do Couto

Instante da rolda de prensa – Concello de Narón

A décimo novena edición da “Festa Gastronómica do Pemento do Couto” celebrarase os días 15 e 16 de xullo nas inmediacións do local social da Picota, na parroquia do Couto. Os edís de Festas, Mar Gómez; Promoción Económica, Pablo Villamar, e Turismo, Natalia Hermida, presentaron hoxe a iniciativa acompañados por José Leira, xerente da Cooperativa do Val; Ramón Couto, presidente da AVV do Couto; e Tomás Casal, integrante da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. A programación do evento comezará a desenvolverse o día 15 de xullo pola tarde, tal e como anunciaron desde a organización, se ben a festa gastronómica de exaltación do pemento do Couto será o domingo 16, e sucederanse tamén en ambas xornadas outras actividades. A edil de Festas, Mar Gómez, animou á veciñanza a asistir aos diferentes actos que se programaron con motivo desta “XIX Festa gastronómica do Pemento do Couto”, unha das citas gastronómicas “máis consolidadas no municipio naronés e que ano tras ano reúne a centos de veciños, veciñas e visitantes nesta parroquia de Narón”.

O edil de Promoción Económica explicou que o día 15, entre as 19.30 e as 20.30 horas terá lugar un “Showcooking” a cargo de Lucía Freitas, do Grupo Nove Cociñeiros e propietaria do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), no local social da AVV do Couto, unha das novidades deste ano. A véspera desta xornada, o día 14, os integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto participarán nunha comida de confraternidade no restaurante Bido, na Coruña, no que se promocionará o pemento do Couto.

Así mesmo, a edil de Turismo apuntou que o sábado día 15, a partir das 23.00 horas procederase a iluminar de diferentes cores o exterior do Mosteiro do Couto e de 23.00 a 00.30 haberá na citada construción relixiosa un concerto de música de cámara, a cargo da formación Son de Ar. Programáronse dous pases e o aforo é limitado pero non é preciso inscribirse, tal e como indicou Natalia Hermida. Para rematar a xornada do sábado, e tamén como novidade nesta edición, terá lugar no exterior do mosteiro do Couto, a partir das 00.00 horas, unha “performance” con música, iluminación e baile, a cargo dunhas fadas.

O día 16 de xullo a celebración dará comezo ás 13.00 horas, coa lectura do pregón, con Carlos Rodríguez Dacal, Doutor en Botánica e autor de numerosos libros, como protagonista. Unha vez rematada a súa intervención, sobre as 13.30 horas, dará comezo o xa tradicional acto de xuramento das novas Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento do Couto, no que se entregará o Pemento de Honra a representantes do Grupo Nove Cociñeiros. O xantar, a base de churrasco con pementos do Couto –doados por Viveiros Sinde, en colaboración coa Cooperativa do Val- e cachelos, pan, auga, viño e café ao tizón, será a partir das 14.00 horas. As persoas interesadas en asistir poden adquirir os tickets, a un prezo de 12 euros, no local social do Couto, de luns a domingo desde as 18.00 ata as 23.00 e os sábados e domingos tamén polas mañás, de 11.30 a 14.00 horas, apuntou Ramón Couto. A comida terá lugar baixo unha carpa que se instalará na zona ou xunto á carballeira das inmediacións do local social, en función das condicións meteorolóxicas. Pola súa banda, José Leira destacou o éxito que ano tras ano rexistra esta celebración e valorou as novidades do programa desta edición. Entre elas está tamén unha visita guiada dramatizada ao Mosteiro do Couto. A concelleira de Turismo explicou que se desenvolverá entre as 17.00 e as 19.00 horas do domingo, cando o actor Suso Rodríguez asumirá o rol do cabaleiro naronés Froila Bermúdez –fillo dos Condes de Traba-, e guiará aos asistentes, que partirán das inmediacións do local social do Couto cara ao mosteiro para realizar unha peculiar e divertida visita. Como toda festa, a xornada terá tamén un apartado musical, que dará comezo ás 18.00 horas.

Lea también

Intervención do SPEIS de Narón por un accidente na AG-64

      Os bombeiros do SPEIS de Narón recibiron un aviso do Centro Integrado …