Narón amplía as opcións para poder realizar o pago de tributos municipais

O responsable da Concellería de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, anunciou que as persoas que teñan que pagar tributos municipais na cidade poderán facelo a través de diferentes métodos. “En aras de facilitar a transparencia, e ao tempo, achegar Servizos á cidadanía”, tal e como apuntou o edil naronés, “diversificáronse as opcións para evitar en determinados casos que teñan que desprazarse ao Concello ou ás propias entidades bancarias para proceder a realizar os pagos pertinentes”.

Villamar explicou que os tributos municipais poden pagarse de xeito presencial, por ventanilla, tal e como se viña facendo anteriormente, se ben agora ampliouse o número de entidades a través das que poder realizar os pagos, que son as oficinas de Abanca –de 8.15 a 14.15 horas, nas de Narón-; do Banco Sabadell –de 8.30 a 14.00-; de Caixabank –de 8.15 a 11.15- e do Banco Pastor –de 8.30 a 11.30, nas de Narón-. Así mesmo, poderán abonar os tributos municipais nos caixeiros automáticos das citadas entidades.

Tamén de modo presencial, apuntou o concelleiro de Xestión Orzamentaria, pódese pagar na Caixa municipal, en metálico ou cun cheque a nome do Concello conformado ou certificado pola entidade, ou na Pasarela de pagos do Consistorio, co soporte da entidade Abanca, para o pago do IIVTNU, Icio e taxas.

No caso de querer realizar os pertinentes trámites a través da rede, os interesados teñen a opción de facelo dende o ordenador, sen certificado dixital e con tarxetas de calquera entidade a través do enlace da páxina web do Concello –www.naron.es-, e con Banca Electrónica, á que só poden acceder clientes das catro entidades anteriormente citadas.

As persoas que teñan dúbidas ao respecto poden poñerse en contacto coa Oficina de Tesourería do Concello de Narón, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1011, 1406, 1407 e 1408).

As persoas que teñan que pagar tributos municipais en Narón teñen na actualidade moitas máis opcións para poder realizar os trámites oportunos, unha tarefa coa que desde o goberno local apostamos por dar transparencia a este tipo de xestións e, ao tempo, facéndoo do xeito que lles resulte máis cómodo ou mellor se adapte ás súas circunstancias”, recalcou Villamar.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …