“Escenarios Paralelos” regresa a Valdoviño este domingo

Espazos paralelos – Concello de Valdoviño

O Concello de Valdoviño reedita este ano o programa cultural “Escenarios Paralelos”. Un proxecto que, segundo explica a concelleira de Cultura, Rosana García, busca descentralizar as actividades culturais cara as diferentes parroquias do municipio, dar a coñecer o patrimonio cultural e natural a veciños e visitantes e poñelo en valor. Inaugurarase este domingo, 2 de xullo, e terá como “escenario paralelo” o atrio da Capela das Neves, en Aviño –parroquia de Valdoviño-. Alí, e a partir das 19,30 horas, a artista Marian Ledesma ofrecerá un recital que percorrerá os contos clásicos a través da música. Cancións con mensaxe. Un espectáculo para todos os públicos incluído na Rede Cultural da Deputación provincial.

“Escenarios Paralelos” continuará o domingo 9 no parque da praia da Frouxeira, co espectáculo “O que queda por chover”, a cargo da compañía Duelirium, e o domingo 16, e no mesmo espazo, a banda de música de Visantoña-Odaiko ofrecerá un recital, namentras que o domingo 23, será o turno do teatro. Na Frouxeira representarase a obra “En punto”, a cargo do grupo “Teatro en Punto”. O venres 28, o Concello propón unha andada nocturna baixo o lema “Lavandeiras: igrexa de Vilarrube-Lavadoiro dos Romeus (Vilaboa)”, con espectáculo incluído neste último espazo. Para participar, é preciso inscrición previa na Casa da Cultura. E, pechando o programa, espectáculo de monicreques a cargo de Seisdedos Marionetas Tradicionais. Ofrecerán “O galo Quirico e os seus amigos” no parque de Marnela (Pantín).

O Concello invita á veciñanza a tomar parte nun programa que, durante a primeira edición, permitiu descubrir “Escenarios Paralelos” como o Faro de Punta Frouxeira –a través dun encontro literario e unha quedada para pintar-; a Capela da Fame –cunha obra de teatro-; a antiga igrexa e camposanto de Loira –coa celebración do Samaín-, ou a igrexa de Vilarrube –cun recital-.

Lea también

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira convoca el concurso de diseño del cartel de 2026

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anuncia la apertura del concurso de carteles …