Este venres 9 de xuño ás 20.00h no Centro Torrente Ballester inaugurase o proxecto Miradas IV, consistente en catro pequenas mostras individuais que conforman á súa vez unha exposición colectiva. Foi presentada hoxe en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, acompañado do comisario, David Barro, e de tres dos catro artistas seleccionados para esta mostra coral de vangarda, integrada por Manuel Eirís, Christian García Bello, Alejandra Pombo e Damián Ucieda.
Miradas IV é un proxecto que nace como memoria e como presente, cun ollo no retrovisor e outro en obxectivos novos, noutros nomes e circunstancias, noutras posibilidades, expuxeron hoxe o concelleiro e os artistas da mostra. O ollo do retrovisor mira e evoca o ciclo de exposicións de Miradas virxes, que protagonizou parte da oferta expositiva do Centro Torrente Ballester nos primeiros anos do século XXI, hai xa más de 15 anos.
Hoxe a realidade que deu froito a aquel conxunto de exposicións individuais é ben distinta, seguramente menos eufórica, menos ilusionada, pero igualmente preparada e seguramente máis esixida, en tanto que menos apoiada e con menos expectativas. Manuel Eirís, Christian García Bello, Alejandra Pombo e Damián Ucieda son algúns dos máis destacados representantes desta outra xeración, catro novas miradas en catro pequenas mostras individuais entrelazadas nunha exposición colectiva.