O Concello de Fene, o CMI Unidade de Fene e a delegación ferrolá da Federación Galega de Fútbol Sala organizan para este sábado, 27 de maio, o I Torneo de Fútbol Sala para nenos/as da categoría Biberón. Nove clubs da comarca tomarán parte neste evento que se desenvolverá durante toda a xornada nas instalacións do pavillón A Xunqueira de San Valentín. Comezará ás 10:15 horas e concluirá coa cerimonia de clausura e entrega de premios, a partir das 19.30 horas.
O Círculo Mercantil e Industrial Unidad (Fene), o Club Deportivo A Solaina (Narón), a ADCR Santa Marina (Ferrol), a SRD Esteiro (Ferrol), o Narón Futsal, o Cidade de Narón, A Fervenza FSF (Ferrol), O Parrulo F.S. (Ferrol) e o Narón Freixo “B”, son os equipos que estarán presentes neste I Torneo de Fútbol Sala Biberón “Concello de Fene”.
Pola mañá terán lugar os encontros clasificatorios, de 10.15 a 14.25 horas, que se sucederán en quendas de 25 minutos e a razón de dous partidos simultáneos por quenda. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, retomarase a actividade no pavillón de San Valentín onde se xogarán as finais (partidos de 40 minutos), comezando polos quintos clasificados e rematando cos primeiros. Xa para rematar a xornada, ao redor das 19.30 horas terá lugar a cerimonia de clausura e a entrega de premios deste I Torneo de Fútbol Sala Biberón “Concello de Fene”.