O Baloncesto Narón premini disputará o vindeiro sábado, 27 de maio, ás 13,30 horas, os cuartos de final da Liga Galega da categoría (dirixida a xogadores nacidos en 2007 e 2008) contra o CB Tui Mascato no pavillón municipal Coto Ferreiro do concello de A Estrada.
O equipo naronés dirixido por Pablo Fuertes e Rubén Durán accedeu á fase final da competición despois de rematar o seu grupo na primeira posición. No caso de gañar, o día seguinte ás 13.30 horas disputarían as semifinais ante o gañador do cruce entre CAB 2007 de Pontevedra e o Basquet Coruña 07. A final disputarase pola tarde, co que se daría por rematada a temporada 2016/2017.
Para o conxunto naronés, a posibilidade de xogar a fase final da competición é todo un premio ao magnífico traballo desenvolvido polos cativos e as cativas ao longo de toda a temporada. A estas alturas, o resultado é o de menos e desde o clube Baloncesto Narón só agardan que os rapaces e as rapazas gocen dunha xornada que, como en edicións anteriores, estará perfectamente organizada polo Concello de A Estrada.