O Festival Aire Libre ofrecerá esta fin de semana en Río do Pozo varias propostas relacionadas coa natureza, o ocio e a aventura

Instante da presentación – Concello de Narón

O Concello de Narón acollerá esta fin de semana a primeira edición do Festival Aire Libre, un evento organizado pola asociación Odysseus, en colaboración co Concello de Narón, e no que se combinarán diferentes actividades relacionadas coa natureza, o ocio e a aventura. O edil de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado por Carlos Mariñas e Enrique Martínez, da asociación organizadora, Odysseus, e de Olga Romero, do Auto Club Clásicos Narón, en representación dos colaboradores. A cita será o sábado 27 e o domingo 28 no polígono de Río do Pozo –nunha parcela ubicada nas inmediacións da sede do Speis de Narón- e durante a mesma desenvolveranse unha gran variedade de actividades en horario de mañá e de tarde, tal e como apuntou o edil de Deportes, Román Romero. A entrada é de balde e os asistentes que queiran participar nalgunhas actividades deberán inscribirse previamente no recinto.

O Festival Aire Libre comezará oficialmente o sábado ás 9.00 horas, se ben a saída da primeira das rutas turísticas en vehículos 4×4 polos arredores do recinto e da ruta familiar –de dez quilómetros e adaptada a todas as idades- se iniciarán ás 10.00. Ás 10.30 procederase a inaugurar a zona de expositores, cunha decena de participantes, entre eles de autocaravanas, de bicicletas de trial, e relacionadas con vehículos 4×4. Ao longo da mañá os asistentes poderán rodar nun mini circuíto de BTT, pasear en vehículos todoterreo, ou asistir a charlas sobre condución en situación extremas, entre outras propostas. A actividade continuará pola tarde, con series de piques fangueiros –nun circuíto de lodo-, exhibicións con vehículos 4×4, charlas de apicultura, unha sesión de adiestramento de cans e moitas outras actividades que culminarán ás 21.00 horas, co peche de expositores para, a partir das 21.30, iniciar o tempo para cear –haberá establecementos de venda de churrasco, polbo, foodtrucks…- e ambientación musical.

Na xornada do domingo, tal e como apuntaron os organizadores, a actividade dará comezo ás 10.00 coa saída da ruta en quads non deportivos e os expositores reabrirán ás 10.30 horas. Ao longo da mañá haberá novas exhibicións de vehículos 4×4, charlas sobre actividades subacuáticas, adopción de animais –a cargo da asociación Cometa- e bicitrial, exhibición canina do Tercio Norte, unha exposición de vehículos clásicos, a cargo do Club Clásicos Narón e moitas outras propostas –algunhas dirixidas a menores- que continuarán pola tarde, desde as 15.30. Tamén o domingo, ás 16.30 horas, terá lugar un recoñecemento aos bombeiros forestais de Galicia e realizarase un sorteo dunha fin de semana dunha ruta pola Costa da Morte –con desprazamento, aloxamento e manutención pagados- entre as persoas que participen activamente no evento.

Carlos Mariñas, da asociación Odysseus, destacou a gran variedade de propostas que se ofrecen neste evento, ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello de Narón no mesmo. Mariñas avanzou que de cara a novas edicións a organización xa se está plantexando incrementar a oferta de actividades.

Finalmente, o edil de Deportes de Narón, que animou á veciñanza a acudir a “este evento pioneiro na comarca e no que os asistentes terán a oportunidade de elixir entre múltiples actividades relacionadas coa natureza, o ocio e a aventura, con propostas para persoas de tódalas idades”.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …